Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Faise público o resultado da enquisa realizada polo Concello de Redondela

Concellaría de Participación Cidadá
15-09-2020
0
Faise público o resultado da enquisa  realizada polo Concello de Redondela

Durante un mes realizouse unha consulta non vinculante na que se solicitaba que a veciñanza de Redondela se pronunciase sobre os días festivos locais que lle gustarían gozar no concello de Redondela.

Dende a Concellaría de Participación Cidadá do Concello de Redondela, realizouse unha consulta popular do 15 de xullo ao 15 de agosto pasados. Tratouse da primeira vez que o Concello de Redondela activaba mecanismos formais para preguntar a opinión da veciñanza sobre algún tema. Dita consulta versou, nesta primeira vez, sobre dúas cuestións: a peonalización das rúas do centro e os festivos locais.

Na enquisa sobre os días Festivos Locais participaron máis de 2.200 persoas finalmente, sendo a opción maioritaria a presentación da enquisa no rexistro do Concello de Redondela con mais de 1.700 rexistros presentados, mentres que máis de 510 persoas cubriron a enquisa de modo telemático. Neste sentido hai que destacar que o Presidente da Irmandade do Santo Cristo dos Navegantes presentou no rexistro do Concello 1.487 enquisas cubertas polos veciños e veciñas de Redondela.

O resultado desta enquisa, e segundo a orde de votación foi o seguinte:

1º Xoves da Coca con 2.124 votos
2º Luns do Cristo con 1.870 votos
3º Martes de Entroido con 287 votos
4º 24 de xuño, San Xoán (Solsticio de Verán), con 129 votos.

Analizando o resultado pode extraerse que a práctica totalidade das persoas que cubriron a enquisa marcaron o Xoves da Coca como día festivo, pero hai diferenzas entre a enquisa presencial, presentada no rexistro do Concello e a enquisa telemática en canto ao segundo día festivo, posto que na enquisa presencial o segundo día foi o Luns do Cristo, mentres que na enquisa telemática o segundo festivo mais votado foi o Martes de Entroido.

Indicar que o establecemento dos días festivos é unha decisión que debe establecer o Pleno do Concello, sendo necesaria a votación maioritaria dos concelleiros/as para a fixación dos días a gozar para o ano2021.

Na enquisa do peche das rúas Alfonso XII e Rúa Ribeira, opinaron un total de 504 persoas, das cales:


• 284 están de acordo co peche das rúas
• 220 consideran que a rúa non se debe pechar.

Pódese destacar, da consulta realizada, que a maioría das persoas que votaron a favor de pechar as rúas consideran como fin de semana para pechar as rúas o sábado e o domingo (282 votos), e que a gran maioría está conforme con que se peche o sábado pola tarde (210) e o domingo todo o día (211).

As opinións expresadas pola veciñanza deben ser analizadas co fin de que as medidas que se adopten no futuro sexan o menos prexudiciais posibles.

A concellería de Participación Cidadá quere amosar o seu agradecemento ás persoas que participaron nestas enquisas, sendo un modo a maiores de participar na vida política e nas cuestións que lles afectan.

Finalmente, hai que mencionar que todos os grupos políticos do Concello de Redondela tiveron e teñen acceso ao expediente no que constan todos os rexistros presentados polos veciños e veciñas de Redondela

Redondela, 15 de setembro de 2020.