Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Rematadas as obras da Senda Verde de Redondela

concello de redondela
23-12-2021
0
Rematadas as obras da Senda Verde de Redondela

Rematados os traballos da Senda Verde que transforman a antiga vía de ferrocarril nun novo espazo de lecer

A Senda remata coa histórica división de Chapela pola liña férrea e convértese nun espazo de conexión entre as dúas zonas

Redondela, 23 de decembro de 2021. A Senda Verde de Chapela xa é unha realidade. O antigo trazado ferroviario vén de converterse nun espazo de lecer e esparexemento para a cidadanía, ofrecendo un marco idóneo para o paseo, a práctica do deporte e a vida saudable. A senda, ademais de rematar coa división histórica de Chapela pola liña férrea, dota de contido ao antigo apeadeiro que transfórmase nunha praza que conecta as dúas zonas.

Os traballos, que contaron cun investimento de 778.000 euros iniciáronse no límite co Concello de Vigo, permitindo a creación dun sendeiro de 1,6 quilómetros que remata na zona da estación de Chapela onde, un espazo ata agora infrautilizado, convértese nunha gran praza pública, centro neurálxico da Senda.

“A Senda Verde é un paso máis no camiño da recuperación ambiental do municipio e supón un exemplo de recuperación de espazos para a cidadanía”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas que percorreu parte do trazado acompañada pola concelleira de Urbanismo, María Castro, e responsables da empresa que realizou o proxecto.

O trazado, que en gran parte do seu percorrido é un auténtico “balcón sobre a ría”, conta cunha ampla vía de uso compartido para peóns e bicis, zonas de descanso e vexetación. Para a alcaldesa de Redondela, o novo espazo “non só ten importancia como elemento redutor da contaminación e dinamizador dunha vida saudable, senón como xeito de poñer en valor, a través dun espectacular paseo peonil, o noso patrimonio medioambiental, cultural, arquitectónico e histórico”.

Digna Rivas amosou a súa satisfacción polo remate dun trabajo “que pon fin a unha división física, tan ilóxica como inxusta, da parroquia de Chapela” e capaz de converter un espazo urbanísticamente empobrecido, “nun lugar de reunión e desfrute para as veciñas e veciños”.

A Senda Verde contou cun orzamento de 778.000 euros, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80 % dentro do Programa Operativo FEDER Plurirrexinal (POPE) 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible.