Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Sete comparsas participarán no Entroido de Redondela que recupera as súas actividades de rúa

Concello de Redondela
24-02-2022
0
Sete comparsas participarán no Entroido de Redondela que recupera as súas actividades de rúa

Ás sete comparsas inscritas sumaranse os grupos, parellas e disfraces individuais que encherán de son e cor as rúas da vila que recuperan o seu protagonismo

“As rúas volverán a ser as protagonistas dos actos do Entroido de Redondela pero sen que iso supoña esquecer as normas de seguridade sanitaria” asegurou hoxe a alcaldesa Digna Rivas que confirmaba a inscrición dun total de sete comparsas para o Desfile de Entroido que terá lugar este vindeiro domingo, 27 de febreiro con inicio ás 18 horas no Campo da Feira.

A alcaldesa redondelá subliñou “o traballo realizado polas formacións participantes” quen tiveron que traballar arreo e coa incerteza da evolución da pandemia da Covid´. Estas sete comparsas –cómpre lembrar que nesta categoría só entran as agrupacións con máis de 26 compoñentes– serán as que poñan cor a un desfile que a veciñanza espera con ilusión logo de estar suspendido o pasado ano pola crise sanitaria.

Para este Desfile de Comparsas o Concello, a través da Concellería de Eventos que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, destinou un total de 10 500 euros distribuídos tanto en premios coma en axudas ás comparsas que participen nos desfiles que terán unha contía variable dependendo do número de persoas que formen dita comparsa e que van dende os 300 euros ás que teñan entre 26 e 55 compoñentes, aos 500 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes.

No que aos premios fai referencia, o xurado outorgará un primeiro de 900 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Amais os premios á Mocidade, á Retranca é a Inclusión e diversidade de cada comparsa terán un premio de 500 euros cada un.

O xurado tamén outorgará premios aos grupos –200 euros para o 1º e 150 € para o 2º–, premios de parellas –100 € ao 1º e 80 € ao 2º– e, finalmente, premios individuais dotados con 80 € para o 1º e 50 € para o segundo.

Amais do Desfile de Comparsas que terá lugar o domingo 27 de febreiro, o martes 1 de marzo a partir das 17 horas terá lugar o concurso de disfraces de grupos, parellas e individual. Todas as persoas os que desexen participar nesta fase do concurso, realizarán a súa inscrición o mesmo día dende as 16 horas nun posto instalado nos soportais do Concello.

A alcaldesa Digna Rivas, amosou a súa ledicia por que Redondela “volva a recuperar unha das súas celebracións tradicionais chea de música, cor e non exenta de ironía nas letras das coplas”. Digna Rivas afirmou “ser optimista” á hora de que esta celebración do Entroido 2022 “marque un punto de inflexión para recuperar unha certa normalidade nas nosas vidas que se mirou truncada, do xeito máis duro, por mor da pandemia”.