Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

'Xuventude á Auga', a proposta das concellerías de Deportes e Xuventude para que a mocidade tome contacto cos deportes acuáticos

Concello de Redondela
28-06-2021
0

A actividade dirixida á infancia e mocidade con edades entre 8 e 18 anos e que se desenvolverá por primeira vez no municipio, abrirá o prazo de inscrición o día 5 de xullo


Redondela, 26 de xuño de 2021. Por primeira vez, a infancia e a mocidade de Redondela poderán tomar contacto dos deportes acuáticos a través da iniciativa 'Xuventude á Auga', promovida polas concellerías de Deportes e Xuventude que xestionan Nacho González e Olga García Ballesteros, respectivamente.

A inscrición, totalmente de balde, poderá realizarse de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Redondela –tanto no situado na Casa do Concello coma en Chapela– ou a través da Administración Electrónica na páxina web do concello www.redondela.gal. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 5 de xullo e permanecerá aberta ata o 12 dese mesmo mes.

'Xuventude á Auga' está dirixida á infancia e mocidade con idades comprendidas entre os 8 e 18 anos e desenvolverá as súas actividades na praia de Cesantes en dous quendas de 40 participantes cada unha delas. A primeira abrangue o período comprendido entre o 19 de xullo e 30 de xullo, mentres que a segunda quenda terá lugar do 2 de agosto ao 13 de agosto. En ámbalas dúas quendas o horario será o mesmo: de 9 a 14 horas.

Tanto Nacho González como Olga García, destacaron a importancia da actividade “que por primeira vez abrangue unha franxa de idade –entre os 14 e 18 anos– que era habitualmente esquecida á hora de realizar actividades”.

Ao longo de case que un mes, as e os participantes en 'Xuventude á Auga' poderán coñecer e ter unha primeira toma de contacto co paddlesurf, voley playa, slackline e outras disciplinas deportivas relacionada, divididos en grupos de idade para un mellor aproveitamento da actividade.

“Redondela é un municipio que vive intimamente vinculado ao mar e non parecía lóxico que, a nosa infancia e mocidade, carecera de actividades que estreitasen esa relación”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Trátase polo tanto, non só de ofrecer iniciativas de ocio e lecer durante a época estival, senón tamén involucrar ao sector máis novo da poboación en actividades saudábeis. “Brindámoslles a oportunidade de, en moitos casos, descubrir actividades acuáticas que descoñecían e que lles poden crear afección para despois, se así o desexan, ir afondando nelas”.

Doutra banda, 'Xuventude á Auga' cumpre tamén o obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, unha das prioridades do Goberno que preside Digna Rivas durante os períodos vacacionais sumándose, polo tanto, aos Campamentos de Conciliación que, dende a chegada do actual Goberno local, pasaron a estenderse durante os meses de xullo e agosto en lugar de un só mes como se facía con anterioridade.

Todas estas actividades permiten que as familias redondelás poidan compatibilizar as súas actividades laborais e familiares “sabendo que os seus fillos e fillas están en mans de profesionais cualificados e desenvolvendo actividades lúdico educativas que lles permiten, non só adquirir novas capacidades, senón que fomentan valores como o traballo en equipo, compañeirismo, integración e solidariedade”, conclúe a rexedora local.