Medio Ambiente
A área de Medio Ambiente do Concello de Redondela encárgase de xestionar a infraestrutura verde municipal e a protección e conservación do medio ambiente urbano.
Contacta
- 986 400 300
- medioambiente@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborales 9:00-14:00 horas
- Novas
- Axenda
- Descargas
– A inscrición para participar nesta edición está aberta ata o 15 de marzo no formulario ArteLixo 2026
O ArteLixo 2026 bota a andar co lema “Ata aquí chegaba o mar!”. Nesta edición o ArteLixo intégrase no proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro que contempla a Arte Cidadá como unha composición de saberes para imaxinar e construír futuros sostibles. Unha iniciativa, na que participamos AMARTURMAR, grupo de profesionais da pesca costeira artesanal, Future Oceans Lab (Uvigo), grupo de investigación adscrito ao campus do mar da Universidade de Vigo, ArteLixo, Concello de Redondela e Cidadania S. Coop. Galega, cooperativa que promove a participación social nas políticas públicas.
O ArteLixo segue a ser un certame ecoloxista, solidario, colaborativo, con consciencia e con vontade de compartir, e abre a convocatoria para todas as persoas e colectivos que desexen participar. As obras teñen que estar feitas con material de refugallo e expoñeranse polas rúas, prazas e escaparates de Redondela durante o certame.
Como inscribirse no ArteLixo2026?
Cubrir o formulario de inscrición antes do 15 de Marzo de 2026.
A inscrición faise mediante un formulario. O formulario podedes cubrilo na ligazón Inscrición ArteLixo 2026
Unha vez rematado o prazo de inscrición a organización porase en contacto coas autoras/es das obras para concretar os detalles de localización e calquera outro que poida xurdir.
Para máis información poden dirixirse ao correo electrónico: artelixoredondela@gmail.com, ou no teléfono 604 03 92 13
PRAZO DE INSCRICIÓN: ATA O 15 DE MARZO
EXPOSICIÓN: DO 28 DE MARZO AO 11 DE ABRIL
O concelleiro Roberto Villar nunha visita ás obras de saneamento en Cabeiro
• A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, dirixida por Roberto Villar, executa estas obras nos camiños do Costal e da Coutada Vella dentro da estratexia de saneamento integral das parroquias. Os traballos contan cun orzamento de case 40.000 euros.
• O Goberno local avanza simultaneamente na ampliación do saneamento en varias zonas de Vilar, Soutoxuste, O Viso, Cedeira e Ventosela, entre outros lugares. Un dos obxectivos é levar tamén a rede de sumidoiros á Rabadeira, no camiño da Silveira, malia que require de xestións complexas con particulares e outras administracións.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade que dirixe Roberto Villar, continúa a avanzar na mellora dos servizos básicos nas parroquias coa execución das obras de ampliación da rede de saneamento en Cabeiro. Concretamente, os traballos estanse a centrar nos camiños do Costal e da Coutada Vella, onde se está a instalar a canalización necesaria para conectar as vivendas á rede municipal. Os traballos contan cun orzamento de 39.996,17 euros. Esta actuación responde á prioridade do goberno local de achegar o saneamento a pequenos núcleos de vivendas que historicamente carecían deste servizo. Segundo explica o concelleiro Roberto Villar, “o obxectivo é garantir que todos os veciños e veciñas de Redondela teñan acceso a uns servizos públicos de calidade, vivan no centro ou nas parroquias, eliminando pozos sépticos e mellorando a salubridade ambiental”.
Proxectos en tramitación. Ademais da obra en marcha en Cabeiro, a Concellería traballa intensamente noutros puntos críticos do municipio. Actualmente, o Goberno local está a impulsar os proxectos de saneamento no camiño da Chousa, en Vilar, no camiño do Lameiro, no Viso, o camiño da Landra, en Cedeira,e o do camiño Moucheiro, en Ventosela. Todos eles darán servizo varios grupos de vivendas. “Trátase de lugares pequenos a onde aínda non chega a rede, e traballamos para poñer este servizo básico a disposición da veciñanza”. Villar explica que tamén se está a rematar o proxecto da estrada Aldea de Soutoxuste. Outra das redes nas que se está a traballar é a do camiño da Silveira, na Rabadeira. Este é un proxecto máis complexo “xa que precisamos chegar a acordos con particulares para a cesión de fincas e tamén actuar na estrada N-555”. Por outra banda o Concello ten xa redactado o proxecto para executar o saneamento no camiño do Río Maior, que abrangue as parroquias de Trasmañó e Cedeira. Trátase dunha actuación “de maior calado” que está pendente da tramitación de fondos para a súa execución. Villar confía en facelo realidade “canto antes”.
– O sendeiro circular, de 7,5 km, percorre a nacente do Monte Penide, destacando pola súa biodiversidade e os petróglifos do Coto do Corno. Coa sinalización do roteiro Redondela pon en valor a riqueza natural e arqueolóxica da zona e a historia da traída de auga en Cedeira “feita grazas ao esforzo e compromiso dos homes e mulleres que traballaron e traballan por este servizo básico”, explica a alcaldesa.
– A sinalización deste roteiro, cun orzamento de 8.600 euros, correu a cargo dos fondos participativos do Concello de Redondela transferidos ao Consello Parroquial. Esta iniciativa, en colaboración coa Comunidade de Augas de Cedeira, reafirma o compromiso do goberno local e do movemento asociativo co turismo sostible, o medio ambiente e a preservación da memoria histórica local.
O Concello de Redondela segue a apostar pola posta en valor do patrimonio natural e cultural do municipio. Esta mañá presentouse oficialmente a sinalización do Roteiro da Auga en Cedeira, un proxecto que busca dar a coñecer a riqueza paisaxística, histórica e ecolóxica da parroquia. Ao acto de presentación asistiu a alcaldesa, Digna Rivas, co concelleiro de Medio Ambiente e Ensino, Alberto Álvarez, os representantes da Comunidade de Augas coa presidenta Guadalupe Maestú, Leoncio Vidal, José Ramón Alonso e Nicanor Nieto, así como o director do CEIP Cedeira, José Luis Ojea. O colexio, nas inmediacións deste sendeiro, poderá beneficiarse desta nova ruta sinalizada que ten un marcado carácter comunitario, divulgativo e educativo. Rivas destacou que, con esta sinalización, “poñemos en valor a riqueza natural e arqueolóxica de Cedeira, e tamén o traballo e compromiso dos homes e mulleres desta parroquia coa súa terra”. A historia da traída de auga en Cedeira é protagonista do sendeiro “ un servizo básico que se conseguiu grazas á organización veciñal”.
Un roteiro entre a historia e a natureza. O Roteiro da Auga é un sendeiro circular de arredor de 7,5 km que percorre a ladeira de nacente do Monte Penide (coñecido tamén como Monte Mirallo). Esta vertente é rica en mananciais que abastecen á parroquia, polo que o camiño permite coñecer as estruturas tradicionais de captación e distribución da auga, integradas nunha paisaxe forestal diversa. Ao longo do percorrido, os sendeiristas poderán observar masas de piñeiro e eucalipto mesturadas con zonas de matogueira (toxos, xestas, uces) e tramos autóctonos con carballos, sobreiras, castiñeiros e loureiros.
Biodiversidade e Anfibios como sentinelas. O roteiro é un espazo ideal para a observación de aves forestais diúrnas, como o picapau grande, o peto verdeal ibérico, o subidor común ou diversos ferreiriños. Ademais, a ruta destaca pola súa biodiversidade ao solpor, cando é posible observar unha sorprendente diversidade de anfibios, indicadores do bo estado ecolóxico dos mananciais e regatos da zona.
O conxunto arqueolóxicos do Coto do Corno. Un dos puntos fortes do roteiro é o conxunto de petróglifos do Coto do Corno, datados de hai arredor de 4.000 anos. A pesar das alteracións sufridas no pasado por canteiros e infraestruturas, consérvanse círculos concéntricos, liñas, coviñas, muíños naviculares e a singular representación dun cervo. O Concello fai un chamamento á “responsabilidade” para a preservación deste patrimonio tan fráxil, lembrando a necesidade de “non camiñar sobre os gravados, non tocalos nin empregar auga sobre eles”.
Historia da traída de auga. O roteiro tamén pon en valor a organización veciñal. A través de códigos QR, os visitantes poden acceder a vídeos onde os propios comuneiros explican o funcionamento do sistema de traída de auga, dende os primeiros pasos veciñais ata a moderna tecnoloxía de control telemático, convertendo a ruta nunha viaxe pola historia e a xestión sostible do recurso na parroquia.
A sinalización deste roteiro, cun orzamento de 8.600 euros, correu a cargo dos fondos participativos do Concello de Redondela transferidos ao Consello Parroquial de Cedeira. Foron os propios representantes veciñais os que escolleron este proxecto. A iniciativa, realizada en colaboración coa Comunidade de Augas de Cedeira, reafirma o compromiso do goberno local e do movemento asociativo co turismo sostible, o medio ambiente e a preservación da memoria histórica local.



There is no Event
Analíticas
- Analíticas de Fuentes
- Analíticas de Playas
Agenda 21 - Redondela
A Axenda 21 é un plan de acción das Nacións Unidas para un desenvolvemento sustentable no século XXI, aprobado por 173 gobernos na Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento que tivo lugar en Río de Janeiro en 1992.
A Axenda Local 21 é un proceso a implantar e desenvolver polas Entidades Locais que se basea na integración das políticas ambientais, económicas e sociais do concello a través da elaboración e aplicación dun Plan de Acción Local.
Sumarse a esta iniciativa supón, xa que logo, o compromiso municipal de estimular o desenvolvemento de medidas encamiñadas a facer compatibles a conservación do medio co desenvolvemento social e económico do propio concello. Supón ademais facelo dun xeito estruturado e planificado o que implica unha actuación transversal coa participación da totalidade das áreas da Administración local.
A Axenda 21 Local é un proceso aberto e creativo que cada concello define baseándose na súa realidade e nos seus condicionantes.