Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

24 de outubro: Día da biblioteca

Cada 24 de outubro celébrase en España o Día da Biblioteca, celebración creada en 1997 pola  Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil  en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

A esta conmemoración fóronse sumando, xa dende hai algún tempo, o Ministerio de Cultura e mais todas as administracións autonómicas do Estado.
A Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura,  a través da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria, impulsa cada ano a celebración deste Día.
Como cada ano as Bibliotecas Municipais de Redondela facemos nosa esta festa, coa que desexamos que as persoas usuarias dos nosos servizos, e tamén os veciños e veciñas da contorna, aprecien, valoren, usen e reivindiquen as bibliotecas.
LIBROS ORFOS
Neste 2024 a nosa proposta ten un ton nostálxico arredor da colección das bibliotecas.
Porque… usuarios e usuarias:
que hai máis triste para unha biblioteca que ter libros que (case) ninguén le?… que ter documentos que (case) ninguén leva prestados?
Moitos deles son libros bos e interesantes, e queremos darlles unha segunda oportunidade. Así que durante a vindeira quincena, desde o luns 21 e ata o venres 31 de outubro propoñémosvos rescatar estas lecturas magníficas e que vos acheguedes a elas. A estes libros demos en chamarlles «libros orfos», porque son libros que buscan lector(a)s, que buscan ser apadriñados.
Velaquí podedes ver os listados dos LIBROS ORFOS que podedes atopar nas nosas bibliotecas:
Libros orfos – Biblioteca de Redondela
Libros orfos – Biblioteca de Chapela
Achegádevos polas bibliotecas e deixádevos sorprender pola sección máis vintage da nosa colección, que emerxe como Ave Fénix para ser acollida polas vosas mentes devoradoras de boas historias.
AGASALLO DE MARCAPÁXINAS ORIXINAIS
Ademáis, durante estes días, os préstamos nas bibliotecas levarán un pequeno agasallo. As persoas que usen este servizo no mostrador levarán como obsequio un orixinal marcapáxinas, deseñado especialmente para esta conmemoración polo persoal do Obradoiro de Emprego de deseño gráfico do Concello de Redondela.
Tamén vos deixamos aquí esta ligazón para que poidades descargar o deseño por se queredes imprimilos en casa.
Feliz 24 de outubro e que VIVAN AS BIBLIOTECAS!!!

 

Compartir