Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Os servizos municipais ultiman os traballos no Paseo da Portela

O Paseo da Portela abrirase por completo aos peóns esta fin de semana. Os traballos de reposición no tramo pechado ao paso rematarse na xornada de mañá venres, polo que estará a punto antes da Semana Santa. Operarios do departamento de Infraestruturas e Sostibilidade están a repoñer o tramo do paseo que quedou danado polos temporais do pasado outono, e as obras rematarán mañá venres.

O Concello de Redondela viuse na obriga de pechar un tramo do paseo aos peóns cando unha árbore de grandes dimensións caeu enriba da plataforma, danou a estrutura e rompeu unha pilastra. O concelleiro do departamento, Roberto Villar, explica que os traballos para a retirada da árbore foron moi complexos, pola gran porte e voluminosas raíces da árbore. Unha vez retirada, os técnicos desaconsellaron traballar na zona. “A caída desta árbore e as intensas chuvias deste inverno deixaron o talude completamente inestable, con moita humidade, polo que ante o risco de derrube non se podía actuar nel”, sinala o concelleiro. Unha vez recuperada a estabilidade no firme, unha empresa contratada polo Concello encargouse de reconstruír o tramo da estrutura danada, e os operarios municipais estanse a encargar de repoñer as táboas do paseo e a varanda. Segundo os plans de traballo do departamento as obras rematarán mañá venres, “polo que o paseo poderá reabrirse aos peóns antes da Semana Santa”, afirma Villar.

Asfaltado na estrada do Cruceiro, Cedeira

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade está piques de rematar os traballos de asfaltado na estrada do Cruceiro, en Cedeira. Villar sinala que “as condicións meteorolóxicas permitiron executar os traballos tan como estaba previsto, e remataranse no prazo de dúas semanas que tiñamos establecido”. O tramo desde a estrada nacional ata o colexio de Cedeira está rematado, e quedan pendentes de asfaltar dúas zonas afectadas na subida a San Vicente.

Compartir