Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Plan Municipal de Saúde ofrece un curso para deixar de fumar

A concellería de Sanidade, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro de Redondela, pon en marcha un Curso de Deshabituación Tabáquica que comezará o 15 de abril. A concelleira Pilar Martínez explica que está dirixido a persoas maiores de 18 anos que desexen abandonar o hábito de fumar, dentro do marco do Plan Municipal de Saúde. O curso estará impartido pola psicóloga Loreto Puente, con ampla experiencia neste tipo de programas, e que conta cunha taxa de éxito do 60%. As sesións serán todos os luns, desde o 15 de abril até o 27 de maio, en horario de 16.00 a 17.30 horas, no Multiúsos da Xunqueira. Trátase dunha actividade totalmente de balde, a inscrición está aberta no Concello de Redondela, e nos teléfonos 986 400 300 ou 670 910 488.

“O consumo de tabaco é un dos maiores factores de risco de cancro de pulmón e outras enfermidades crónicas”, lembra Pilar Martínez, e desde a nosa responsabilidade como administración local queremos poñer a disposición da veciñanza ferramentas como esta “que axudan a quen o desexe a abandonar un hábito tan nocivo como é o de fumar”.

Neste curso ofreceranlles a todos as participantes pautas, axudas e consellos para deixar de fumar e ter un estilo de vida máis saudable. Así mesmo, os profesionais facilitarán aos asistentes toda a información sobre os riscos de fumar, o control da síndrome de abstinencia e técnicas de autocontrol. O tabaco é a primeira causa de morte prevenible e está relacionado directamente con máis de 15 tipos de cancros diferentes, polo que “a deshabituación tabáquica é unha acción fundamental na loita contra o tabaquismo e a prevención do cancro”.

Compartir