Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Máis de 700 persoas descargaron xa a Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela

– Permite acceder aos servizos municipais e facer trámites de maneira sinxela, rápida e sen desprazamentos. O obxectivo é ter unha app intuitiva que estea ao alcance de toda a veciñanza.

– A Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela permite reservar instalacións deportivas, participar en enquisas e acceder á canle audiovisual Redondela Aberta e toda a información da páxina web do Concello.

Nos primeiros días da súa posta en marcha foron xa máis de 700 as persoas que descargaron esta aplicación dispoñible tanto en iOS como Android.

O Concello de Redondela vén de poñer en marcha recentemente, enmarcada dentro da iniciativa da EDUSI Redondela 2020, a nova Tarxeta Cidadá Virtual. Unha ferramenta que permite aos usuarios acceder aos servizos municipais e facer diferentes trámites a través da web ou dende o propio móbil mediante unha app, dispoñible para calquera tipo de smartphones. Nos primeiros días da súa posta en marcha foron xa máis de 700 as persoas que descargaron esta aplicación dispoñible tanto en iOS como Android.

A Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela implica unha nova maneira de achegar a Administración local á veciñanza, axilizando trámites e ofrecendo máis información, ademáis de permitir a reserva de instalacións deportivas ou a adquisición de entradas para eventos culturais. «É unha canle directa para toda a cidadanía coa Administración local», indica Antonio Cabaleiro, concelleiro de Novas Tecnoloxías, de tal xeito que as xestións «poden facerse en calquera momento e dende calquera lugar». «Trátase de dar un paso máis para adaptar a Administración local aos novos tempos. Somos a Administración máis próxima aos cidadáns, e con esta nova app tanto os empadroados en Redondela como os que non o estean poderán levar no seu peto, no móbil, toda a información que precisen».

O Concello, ante o reto de achegar as novas tecnoloxías á poboación

Para Cabaleiro «é unha ferramenta que ten por obxectivo conectar aínda máis o Concello coa cidadanía e que todas as persoas que teñan a aplicación móbil sexan capaces de acceder aos maiores servizos de maneira sinxela, rápida e sen desprazamentos». A Concellería de NNTT implicouse ao máximo na posta en marcha desta app, «nuns tempos que son dunha evolución tecnolóxica moi avanzada e en constante cambio», engade Cabaleiro.

Unha das prioridades que se marcaron dende o primeiro momento dende o Concello foi chegar ao maior número posible de veciños e usuarios, de tal xeito que a tecnoloxía supoña unha democratización dos servizos e non unha barreira para unha parte da poboación. «A idea do Concello de Redondela foi sacar unha app totalmente intuitiva e que estea ao alcance de toda a veciñanza», resalta Antonio Cabaleiro.

Neste senso, aínda que cada vez máis xente é usuaria dos smartphones ou teléfonos intelixentes, a formación dixital é unha asignatura pendente e dende o Concello están a tomar medidas encamiñadas a mellorala. «Para nós – indica Antonio Cabaleiro- o acceso ás NNTT ten a máxima importancia, e é certo que fai falta moita formación, tanto para os adultos como para os máis mozos. Están a facerse charlas informativas con asociacións, colectivos e coa cidadanía en xeral para formar e informar sobre os riscos de Internet. É moi importante facer un uso seguro das redes sociais e ter os coñecementos necesarios para evitar estafas, acoso, coaccións ou outro tipo de delitos que proliferan en Internet».

Así o indica tamén Digna Rivas, subliñando que «o noso obxectivo é que a veciñanza utilice cada vez máis estas ferramentas, que permiten unha comunicación directa e áxil coa Administración».

Usos e oportunidades da Tarxeta Cidadá Virtual

O concello de Redondela enfatiza as oportunidades e as novidades que supón para a cidadanía a posta en marcha da Tarxeta Cidadá Virtual. Entre as súas principais funcionalidades, destaca a existencia dun módulo de participación cidadá mediante o que se pode tomar parte en enquisas ou enviar suxestións.

Tamén posibilita o acceso á canle Redondela Aberta, un espazo audiovisual onde ver o deporte local, actos culturais, celebracións e moitos máis contidos que se irán incorporando.

No eido deportivo, incorpora a posibilidade de reservar pistas de pádel e de tenis e o acceso directo á nova plataforma de streaming do concello de Redondela.

Ademais, nos vindeiros meses contará tamén cun módulo de compra de entradas para eventos de cara á próxima tempada cultural, que arranca no outono.

Estratexia EDUSI Redondela

A creación e posta en marcha da Tarxeta Cidadá Virtual enmárcase dentro das Liñas de Actuación LA13 «Conectar a Administración co cidadán» e da LA14 «Mellorar os sistemas de goberno» da EDUSI Reondela 2020.

Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT 2 do POP 2014-2020, «Mellorar o uso e a calidade das tecnoloxías da información e das comunicacións e o seu acceso»; en concreto, ao seu Obxectivo Específico 2.3.3 relativo a «Promover as tecnoloxías da información en estratexias urbanas integradas, incluíndo a Administración electrónica local e as Smart Cities«.

Este proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020, actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

A inversión total que se realizou nesta liña de actuación é de 163.955 €, dos cales 131.164 € proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 32.791 €, son achegados polo Concello de Redondela.

Compartir