Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela organiza un curso de Formación en Voluntariado sobre coidados

O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores e Infancia, organiza un curso de Formación en Voluntariado que se vai impartir nas diferentes parroquias do municipio. A concelleira, Pilar Martínez, explica que este curso está dirixido ás persoas que forman parte do Programa Municipal de Voluntariado, pero tamén aberto “a coidadores e coidadoras de familiares dependentes, ou calquera que queira formar parte do programa de voluntariado”. Os participantes no curso aprenderán “a comunicarse con persoas con patoloxías severas, realizar mobilizacións a persoas con mobilidade reducida, e tamén actividades físicas e cognitivas recomendables para as persoas que acompañamos”.

O obxectivo deste curso é dotar aos voluntarios e voluntarias dos coñecementos necesarios para a súa labor de acompañamento a maiores e persoas dependentes. “Deste xeito o voluntariado do programa municipal terá os coñecementos necesarios para axudar a persoas maiores ou dependentes e acompañalos para dar un paseo, facer xestións ou realizar compras”, explica Pilar Martínez. A concelleira incide en que esta labor de voluntariado “non trata de substituír en ningún caso o traballo profesional que fan coidadores e coidadoras, senón que está dirixida a prestar apoio aos maiores e ás súas familias”.

Co obxectivo de facilitar a participación neste curso de toda a veciñanza, as clases van celebrarse en diferentes puntos do municipio nos seguintes días, lugares e horarios:

– Martes 18 de Xuño, de 16:00 a 18:00h Asociación Deportiva e Cultural de Rande

– Martes 18 de Xuño, de 18:30 a 20:30h Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes

– Venres 21 de Xuño, de 10:00 a 12:00h Centro Cultural e Recreativo de Quintela

– Venres 21 de Xuño, de 16:00 a 18:00h Centro Cultural de Vilar de Infesta

– Venres 21 de Xuño, de 18:30 a 20:30h Multiúsos da Xunqueira de Redondela

O curso, impartido pola fundación Formavigo, é totalmente gratuíto. Máis información e inscricións no enderezo electrónico formacion@fundacionformavigo.com e no teléfono 600 06 01 46.

Compartir