Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Un total de 20 persoas poderán beneficiarse do Obradoiro de Emprego “Polo mar de Redondela”

– Neste obradoiro impartiranse dúas especialidades formativas. Unha será a de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica e outra a de Carpintería de Ribeira. Os participantes poderán formarse durante 9 meses ao tempo que traballan, e cobrarán o SMI.
– O alumnado de Carpintería de Ribeira construirá unha réplica navegable do histórico bote “Manuel”. Na modalidade de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica traballarán na mellora do arboredo de Monte Penide e crearán unha zona axardinada a carón do parque de skate de Chapela, entre outras labores.
– As persoas interesadas, que cumpran os requisitos, deberán inscribirse na oficina de emprego. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que obxectivo destes obradoiros “é mellorar a empregabilidade dos participantes para que, unha vez rematada a formación teórica e práctica, se incorporen ao mercado laboral e atopen un emprego”.

Un total de 20 veciños e veciñas poderán formarse e traballar durante 9 meses no Obradoiro dual de emprego “Polo mar de Redondela”. Neste obradoiro, que comezará en decembro, impartiranse dúas especialidades formativas. Unha será a de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica e outra a de Carpintería de Ribeira. Nos dous casos os e as aspirantes deben cumprir os requisitos de acceso a un Certificado de Profesionalidade Nivel 2.

Na modalidade de Carpintería de Ribeira o alumnado-traballador elaborará unha réplica navegable do histórico bote “Manuel” co que poder cruzar a enseada. A embarcación formará parte dunha exposición que permita divulgar a súa historia e poñer en valor o patrimonio marítimo de Redondela. No obradoiro o alumnado tamén traballará na instalación de contraventás de carpintería, portas e tarimas en distintos edificios municipais.

Na especialidade de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica vanse realizar labores de roza, poda e mellora das árbores en Monte Penide/Mirallo, o Coto do Gran e o Paseo do Río Pexegueiro. Tamén se fará unha zona axardinada ao carón do parque de skate de Chapela e o mantemento dos xardíns da Xunqueira, da Alameda, da rúa Xeneral Rubín e da urbanización Regojo. O alumnado traballará tamén na mellora das rotondas de Cabanas e Cedeira, e realizará o mantemento do viveiro e a horta ecolóxica da Finca de Pousadouro.

As persoas interesadas, que cumpran os requisitos, deberán inscribirse na oficina de emprego de Redondela que lles corresponda do Servizo Público de Emprego de Galicia. O Concello realizará o proceso de selección (segundo as bases reguladoras da selección do alumnado- traballador publicadas na páxina web e na sede electrónica ) coas persoas preseleccionadas pola oficina de Emprego. As persoas finalmente seleccionadas serán contratadas e percibirán mensualmente o SMI.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, concedeulle ao Concello de Redondela unha subvención polo importe de 411.928 euros para o financiamento deste proxecto. O Concello pola súa parte fai unha achega de 46.473,14€. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que obxectivo destes obradoiros “é mellorar a empregabilidade dos participantes para que, unha vez rematada a formación teórica e práctica, se incorporen ao mercado laboral e atopen un emprego”.

Compartir