Nesta semana de Defuntos, máis de 150 alumnos de centros de ensino de Redondela están a realizar visitas guiadas ao cemiterio dos Eidos. Trátase dunha iniciativa do Concello de Redondela “para que a rapazada coñeza o patrimonio histórico, artístico e cultural da vila”. A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que este camposanto, que data do ano 1833, “recolle boa parte da historia de Redondela, onde repousan ilustres personaxes”. Este monumento, considerado como un “xardín romántico”, foi elixido como o cemiterio máis bonito de España.
A guía Soledad Chayán é a encargada de explicar a nenos e nenas o seu valor patrimonial, onde destacan interesantes esculturas e panteóns con arquitectura neogótica. Os ex-alcaldes Ramón Pardo Ferro e Telmo Bernárdez Santomé, o procurador Francisco Crespo Rivas, o médico Alejandro Otero, e mesmo un heroe da batalla librada en Ponte Sampaio contra as tropas francesas en 1809, o alférez de navío John O’Dogherty, descansan no cemiterio dos Eidos. Tamén garda parte da Memoria Histórica da vila posto que hai unha fosa común cos restos de 42 represaliados da Guerra Civil española, onde se levanta un monumento conmemorativo.
Onte fixeron a visita guiada alumnos e alumnas do CEIP Reboreda e o IES Pedro Floriani e hoxe outro grupo do IES Floriani e escolares do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela. Digna Rivas e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, acompañaron onte a un dos grupos e animaron á rapazada “a seguir aprendendo sobre a historia e o patrimonio de Redondela”.