Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Máis de 400 adolescentes fórmanse para previr a violencia sexual coa activista Amelia Tiganus

Máis de 400 mozos e mozas dos institutos IES Chapela, Illa de San Simón, IES Mendiño e IES Floriani asistiron o venres á conferencia “Amelia. Historia de una lucha” impartida por Amelia Tiganus, recoñecida activista e presidenta da Federación Estatal de Mulleres Abolicionistas (FEMAB). A actividade está enmarcada dentro da programación do 25N organizada pola concellería de Igualdade do Concello de Redondela con dúas sesións no auditorio da Xunqueira. Á primeira das sesións asistiron tamén usuarios e usuarias de Lenda. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que é “un privilexio” contar en Redondela cunha muller como Amelia Tiganus, que fala con claridade, cunha linguaxe directa e sen tapuxos do maltrato ás mulleres e os abusos sexuais.

A charla está baseada nunha historia real, a vivida en primeira persoa pola propia Amelia, natural de Romanía, e que logrou saír do mundo da prostitución tras ser explotada sexualmente durante cinco anos. Agora, desde a súa residencia no País Vasco, dedícase a loitar contra o proxenetismo. Esta “loita” tradúcese e cursos e talleres de sensibilización e prevención da prostitución e da violencia sexual que imparte por todo o mundo.

Pola tarde Tiganus impartiu outra charla aberta ao público baixo o título “Xuventude, internet e violencia sexual, quen gaña?” na que abordou a educación sexual en internet, destacando como identificar e combater a violencia sexual dixital. Así mesmo, reflexionará sobre a mercantilización do corpo de mulleres e nenas na rede, e as súas consecuencias físicas e psicolóxicas.

Con estas actividades, que forma parte da programación do 25N do Concello de Redondela, o obxectivo é fomentar a concienciación e o debate sobre a violencia de xénero, especialmente no contexto da era dixital. A charla é unha oportunidade para profundar nos desafíos e solucións na loita contra a violencia sexual, e busca involucrar tanto á mocidade como ás persoas adultas na creación dunha contorna máis segura e equitativa.

Compartir