Concello de Redondela

Neurociencia para a rapazada na Biblioteca Xela Arias

As Bibliotecas Municipais de Redondela acollen unha actividade de divulgación científica coa redondelá Paula Rivas.

En relación co ciclo «Aquí sí hai quen escriba» co que as bibliotecas estamos a facer eco da creación literaria da nosa veciñanza, petamos na porta desta bióloga e divulgadora veciña, que se brindou a achegar a nenos e nenas da nosa contorna unha «masterclass» sobre o funcionamento do cerebro.

Paula Rivas, cun doutorado en neurociencia e cun extenso currículo neste eido, está a facer unha labor divulgativa sobre o funcionamento do sistema nervioso, e ten xa publicado con Xerais un libro para público infantil sobre esta temática.

O 23 de xaneiro terémola na Biblioteca Xela Arias para unha estimulante charla onde rapaces e rapazas coñecerán como traballa o «ordenador» que fai funcionar aos seres humanos, e onde explorarán moitas curiosidades sobre neuronas, nervios, sentidos e hemisferios cerebrais.

  • Unha proposta para nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.
  • É de balde, pero precisa que vos inscribades na biblioteca para participar.
  • A cita será o xoves 23 de xaneiro, ás 18:30 h. na Biblioteca Xela Arias de Chapela.

Compartir