Na Biblioteca Xela Arias estamos de sorte!
Temos usuarias moi riquiñas ás que lles gusta contar contos. Tras unha primeira experiencia que tivemos este Nadal, na que todos e todas saímos moi contentos, creceron os ánimos, e propuxémonos repetir a experiencia.
Pensamos que na nosa contorna temos talento suficiente e unha veciñanza abondo xenerosa e aberta como para que algo tan fermoso como compartir contos non se quede na anécdota dun día, senón que o podamos repetir máis a cotío.
Viñémonos arriba e propuxemos unha nova data para darlle pulo á creatividade, á maxia e ao goce de transmitir historias:
O venres 21 de febreiro, ás 18:30 h. teremos unha nova sesión.
Chamarémoslles «Contos da veciñanza», porque están feitos, deseñados e preparados por veciñas (neste caso son dúas mulleres) da nosa contorna.
Nesta sesión contarán:
– Lía, unha rapaza de 10 anos, cun futuro prometedor na narración oral.
– Beatriz, unha mamá con talento narrador e gañas de transmitir.
A proposta é para nenos e nenas a partir de 3 anos.
Dado que as prazas son moi limitadas, deberedes anotarvos previamente na biblioteca.
📞986-454-226
💻bibliotecachapela@redondela.gal
Este ano a Biblioteca Xela Arias celebra o seu 20 aniversario, e quere facelo fortalecendo o seu vencello coas persoas usuarias.
Grazas á veciñanza por compartir con nós o seu tempo, habelencias e talento na biblioteca.