Concello de Redondela

Redondela presenta o plan para facer peonil o casco histórico

– A restrición do tráfico nas rúas Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral busca “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, fomentar a sustentabilidade e preservar o patrimonio histórico”. O acceso estará permitido para os residentes, os vehículos de servizos públicos e as operacións de carga e descarga para o comercio.

O Concello de Redondela traballa na peonalización das rúas Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral. A restrición do tráfico nestas rúas do caso histórico busca “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, fomentar a sustentabilidade e preservar o patrimonio histórico”. O acceso estará permitido para os residentes destas rúas, que contarán cun sistema de identificación. Tamén poderán circular os vehículos de servizos públicos e permitiranse as operacións de carga e descarga para o comercio. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que peonalizar estas rúas é imprescindible “para reducir a contaminación, mellorar a seguridade dos peóns e preservar o patrimonio histórico”. Este cambio vai reducir o risco de accidentes de tráfico nunha zona moi transitada e que forma parte do Camiño de Santiago. Por estas rúas pasan a diario non só os residente senón tamén milleiros de peregrinos e, malia que existe un semáforo, o tránsito non é seguro para os peóns.

Os concelleiros Rita Pérez, Roberto Villar e Antonio Cabaleiro celebraron unha reunión cos comerciantes destas rúas, aos que se informou do plan de ordenación para esta peonalización. A medida que se vaia avanzando no proceso irase dando conta tanto aos residentes como aos negocios de toda a información. A alcaldesa lembra que as restricións de tráfico no casco histórico comezaron xa en 2012, pero o sistema tiña moitas eivas. “Agora o plan para facer peonís estas rúas contémplase de xeito integral, con todas as garantías e cámaras de seguridade”, sinala Rivas.

A medida que vai adoptar o Concello de Redondela vai na mesma liña que desde hai anos seguen outros municipios da contorna con cascos históricos, como Cangas, Vigo, O Porriño, Baiona ou Tui. “Preservar o patrimonio histórico e dar prioridade aos peóns sobre os vehículos é fundamental para un futuro máis sustentable e respectuoso, e vai mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, afirma a alcaldesa. Este cambio “non só é compatible coa actividade económica, senón que está demostrado que onde as rúas son peonís medran os negocios comerciais e de hostalería”. Digna Rivas explica tamén que “adaptar o casco histórico e promover unha mobilidade peonil permitirá ao Concello optar a máis axudas, subvencións e fondos europeos dirixidos a promover hábitos de vida saudables e respectuosos co medio ambiente e o patrimonio”.

Compartir