Concello de Redondela

O Plan de Acción Integral inclúe un Centro Sociocultural en Chapela, a reforma do Mercado e o Museo Ángel Barros

– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca “a madurez” dos proxectos seleccionados, cos traballos técnicos avanzados, que é un dos requisitos para optar aos fondos europeos. O Concello de Redondela presenta proxectos “realistas e moi necesarios” para facer realidade nun prazo de entre 2 e 4 anos.
– Rivas está convencida de que os proxectos presentados “sairán adiante, unha vez máis, a pesar dos atrancos que nos poñen os grupos da oposición, que votaron en contra”. Como foi anteriormente no caso do aparcadoiro disuasorio de Vilavella, “a oposición non apoia os proxectos necesarios para Redondela, pero este goberno local traballa para facelos realidade”, conclúe Rivas.

O Concello de Redondela opta aos fondos europeos con grandes proxectos que se inclúen no PAI (Plan de Acción Integrado). A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dun instrumento “clave” para abordar algúns dos retos destacados na Axenda Urbana. O obxectivo deste plan é “revitalizar e mellorar a calidade de vida , a accesibilidade e a sostibilidade urbana”. Entre os proxectos do PAI están o novo Centro Sociocultural de Chapela, a reforma do Mercado Municipal, o Museo Etnográfico Ángel Barros e obras de humanizacións e eficiencia enerxética. Rivas sinala que son “proxectos estratéxicos para o futuro de Redondela”. A alcaldesa asegura que o plan sairá adiante “malia que os grupos da oposición votaron en contra en dúas ocasións, prexudicando así os intereses dos veciños e veciñas de Redondela”.

Novo centro Cívico Sociocultural en Chapela

O edificio, que se crea no antigo colexio Igrexa, revitalizará este espazo emblemático da parroquia. Trátase dun novo lugar de encontro e actividades para a veciñanza nunha parcela de 1.489 metros cadrados. O edificio terá dous andares, de 350 metros cadrados cada un. Contará con biblioteca e espazos multifuncionais para acoller diferentes actividades culturais, sociais e recreativas que promoverán a participación da cidadanía. “Esta é unha infraestrutura moi necesaria e demandada en Chapela, que precisa dun espazo público destas características”, sinala Digna Rivas. O proxecto ascende a 1,6 millóns de euros.

Acondicionamento do Mercado de Redondela

Esta actuación céntrase no acondicionamento do mercado de abastos para a obtención do selo “Mercado Excelente”. Inclúe a renovación das estruturas deste edificio histórico, conservando as súas fachadas orixinais. O novo mercado contará cun nivel intermedio, optimizando o espazo, e adaptarase a distribución dos postos do mercado para permitir unha maior flexibilidade. Mellorarase o confort do edificio cunha nova cuberta de zinc natural e instalaranse sistemas de climatización, iluminación LED e melloras no illamento. O proxecto inclúe a transformación dixital do mercado, o que fará máis eficiente este espazo e permitirán o acceso a unha gama de servizos que favorecerán o seu funcionamento na era dixital. Esta reforma integral do mercado ascende a 2,6 millóns de euros.

Museo Etnográfico Ángel Barros

O PAI inclúe a rehabilitación da edificación coñecida como Antigas Vivendad dos Mestres, na avenida Mendiño, que se transformará no Museo Etnográfico Ángel Barros con espazos de exposición, salas tipo aula, aseos e cuartos para almacén e instalacións. Exporase a obra do artista local que recibe o seu nome. Renovarase a fachada e cuberta do edificio cunha nova «pel» exterior moderna e funcional. Optimizarase a súa eficiencia enerxética con melloras en illamento, impermeabilización, cuberta, sistema de climatización e novas instalacións eléctricas e de iluminación. A actuación definiuse a partir das achegas recollidas no proceso de participación cidadá da Axenda Urbana. Esta actuación foi longamente reivindicada pola cidadanía. A rehabilitación do edificio e a súa musealización ascenden a 1.167.000 euros.

O Plan de Actuación Integrado inclúe tamén outras obras, como a humanización do espazo público con actuacións no casco histórico como é o caso das rúas Prata, Telmo Bernárdez. Pai Sarmiento ou Rúa do Muro, entre outras. O obxectivo é eliminar barreiras arquitectónicas e habilitar espazos nas áreas que sexa posible para favorecer a convivencia entre os cidadáns. Estas transformacións urbanísticas buscan un deseño inclusivo e funcional que optimiza a calidade da contorna urbana, mellorando a experiencia tanto dos residentes como dos visitantes.

Rivas destaca “a madurez” dos proxectos seleccionados, que é un dos requisitos para poder optar aos fondos europeos. As propostas incluídas no PAI contan xa cos traballos técnicos avanzados para facilitar a licitación das obras. O Concello de Redondela presenta proxectos “realistas” e que que son “moi necesarios” para facer realidade nun prazo de entre 2 e 4 anos. Os fondos FEDER financiarían un 60% do custe dos traballos, e o 40% restante o propio Concello.

A alcaldesa está convencida de que os proxectos presentados “sairán adiante, unha vez máis, a pesar dos atrancos que nos poñen os grupos da oposición”. Como en ocasións anteriores, como pode ser o aparcadoiro disuasorio de Vilavella, a oposición “non apoia proxectos necesarios para Redondela, pero este goberno local traballará para facelos realidade”, conclúe Rivas.

Compartir