Concello de Redondela

O Concello demanda á Xunta a reparación do monumento a Nemo en San Simón

– Hai xa tres anos que o Concello solicitou á Consellería de Cultura a reparación das pezas do conxunto escultórico “polo seu deterioro xeneralizado”. A esa demanda o Concello non obtivo resposta. Agora a administración local insta de novo á Xunta para que se faga cargo da restauración destas esculturas que corren un grave risco.
– A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que o Concello demanda á Xunta de Galicia a recuperación da Fundación illa de San Simón “para facer un seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades, programa de actividades, etc.”. O abandono por parte da Consellería de Cultura deste monumento “é unha mostra máis da necesidade de recuperar este organismo”.

O conxunto escultórico do Capitán Nemo, na enseada de San Simón, presenta un grave estado de deterioro. Trátase dunha obra instalada pola Xunta de Galicia en 2004 fronte á illa de San de San Simón. O monumento foi ideado polos artistas Moncho Lastra e Sergio Portela. O conxunto está presidido pola figura de Nemo, situada sobre un gran pedestal de granito e, aos seus pés, dous mergulladores do submarino Nautilus recollen os tesouros da batalla de Rande.

Esta obra foi obxecto dunha restauración a comezos do ano 2012 debido ao mal estado no que se atopaba a base de pedra que sustenta a Nemo. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a Fundación Illa de San Simón procedeu á súa rehabilitación. Logo, a finais de 2012, a Xunta decidiu suprimir a Fundación e xestionar a illa directamente desde a Consellería de Cultura. Desde entón, hai xa máis dunha década, as prezas presentan un deterioro constante, que vai en aumento co paso do tempo. “Este é outro dos motivos que constata que recuperación da Fundación illa de San Simón é moi necesaria”.

En marzo de 2022, hai xa tres anos, desde o Concello solicitouse á Consellería de Cultura a reparación das pezas do conxunto escultórico Monumento a Nemo “polo deterioro xeneralizado que se aprecia e que é máis grave nalgúns elementos, presentando os buzos unha grande acumulación de moluscos”. A esa demanda o Concello non obtivo resposta algunha. Agora a administración local insiste de novo formalmente ante a Xunta para que se faga cargo da restauración destas esculturas, que co paso do tempo corren un grave risco.

A rexedora insiste en que Redondela debe integrarse “canto antes” na Fundación Museo do Mar de Galicia, órgano do que depende a illa desde 2022. O Concello “non foi convidado nin a colaborar nin a integrarse. Solicitamos por escrito varias veces a nosa inclusión no Padroado e non tivemos resposta, o que nos parece discriminatorio e inxustificable”. En todo caso, como xa fixo o Concello en reiteradas ocasións, Rivas demanda á Xunta a recuperación da Fundación illa de San Simón “para facer un seguimento do que sucede na illa, das súas necesidades, programa de actividades, etc.”.

Compartir