Logo das limpezas realizadas durante o inverno para retirar o lixo arrastrado polos temporais, os traballos centráronse agora na posta a punto dos areais e da súa contorna, paseos e xardíns. As limpezas están a realizarse na praia de Cesantes, na de Arealonga, en Chapela, e na praia de Rande.
O espazo natural da praia de Cesantes é tamén obxecto de traballos para a rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro da enseada de San Simón. O Concello de Redondela e Galicia Suroeste asinaron un convenio de colaboración para protexer este enclave de gran valor ecolóxico. O proxecto inclúe a retirada manual de especies invasoras e de residuos para recuperar as especies autóctonas e o equilibrio ecolóxico deste espazo natural.
Coa chegada da primavera e nos días previos ás festividades de Semana Santa, o departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela deixou en estado de revista as praias do municipio. Logo das limpezas realizadas durante o inverno para retirar o lixo arrastrado polos temporais, os traballos centráronse agora na posta a punto dos areais e da súa contorna. As limpezas están a realizarse na praia de Cesantes, na de Arealonga, en Chapela, e na praia de Rande.
Os traballos na praia de Cesantes inclúen tamén a reparación dalgúns elementos de madeira danados polos temporais deste inverno e dun aseo, que tiña os paneis deteriorados. A limpeza dos areais está a facerse de xeito manual, e tamén se traballa na contorna das praias. Estes días están a facerse labores de limpeza e mantemento nos xardíns e paseos, co baldeo e acondicionamento destas zonas de esparcemento. Os areais estarán en perfecto estado nesta Semana Santa, “a mágoa é que o mal tempo non permita gozar deles plenamente”, lamenta o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez.
Rexeneración dunar en Cesantes
O espazo natural da praia de Cesantes é tamén obxecto dun proxecto para a rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro da enseada de San Simón. O Concello de Redondela e Galicia Suroeste asinaron un convenio de colaboración para protexer este enclave de gran valor ecolóxico. Os traballos inclúen a retirada manual de especies invasoras e de residuos sólidos urbanos nunha área de 15.000 metros cadrados na zona supralitoral da praia. O obxectivo é recuperar as especies autóctonas e o equilibrio ecolóxico deste espazo natural para e favorecer “o uso recreativo, educativo e turístico da contorna”.
Tamén se está a realizar un inventariado xeral de especies de flora e fauna autóctonas en 80.000 metros cadrados da propia enseada de San Simón, zonas adxacentes á praia de Cesantes, o Paseo da Portela e Punta Socorro. O inventario recollerá moitas especies de aves migratorias que fan a súa parada na enseada, e tamén anfibios, réptiles e mamíferos que poden ser observables por persoas usuarias e turistas de forma fácil.
A iniciativa inclúe a creación dunha guía didáctica en formato dixital para divulgar o proxecto entre os visitantes e turistas “que servirá para poñer en valor este espazo natural con vistas á promoción de novos produtos turísticos sostibles”.