– A segunda limpeza anual dos camiños municipais comezou onte na parroquia do Viso, onde continuarán ao longo da próxima semana. Unha vez rematados as tarefas nesta parroquia as brigadas continuarán en Cesantes, e logo percorrerán o resto de parroquias.
– As tarefas de roza e limpeza fanse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. Esta é a segunda campaña de limpeza que se fai neste 2025. As brigadas traballarán ata o mes de novembro para deixar a punto os camiños municipais de todas as parroquias.
Todos os camiños municipais lucirán en perfecto estado antes de que remate o ano. O contrato “histórico” adxudicado polo Concello de Redondela permite realizar traballos de roza e limpeza nas 13 parroquias dúas veces ao ano. Onte comezaron a segunda campaña de rozas na parroquia do Viso, na zona de Soutoxuste, e continuarán a vindeira semana polo resto de barrios da parroquia. A empresa Naturgalia, responsable do servizo, continuará despois nas parroquias de Cesantes e Ventosela. Pedro Villaverde, concelleiro responsable da área, explica que os traballos continuarán ata finais de novembro polo resto das parroquias do municipio para manter as estradas e camiños libres de maleza e en perfecto estado.
O obxectivo do Concello con este contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano. Trátase dunha “aposta decidida” da alcaldesa Digna Rivas “pola mellora da calidade de vida nas parroquias, cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos”. Os traballos deixan os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos, o que inclúe a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros. Os operarios retiran todo o lixo e restos vexetais e fan unha limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. As brigadas limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos e retiran todo o lixo acumulado para permitir unha boa evacuación da auga e evitar asolagamentos na época de chuvias.
O contrato, por dous anos, licitouse por un importe de 989.268 euros e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual.