Concello de Redondela

O “Novo Manuel”, un símbolo de solidariedade e humanidade na ría

– O peirao de Cesantes foi o escenario da botadura do “Novo Manuel», réplica exacta do histórico bote que se atopa no museo de Rande. A alcaldesa Digna Rivas, que exerceu de madriña, sinalou que esta embarcación é “un símbolo” da Memoria Democrática de Redondela. O “Manuel” empregouse para levar víveres á illa de San Simón e salvou a moitos xudeus na II Guerra Mundial.
– A Asociación Lagoa dos Bébedos xestionará o novo bote, e xa trasladou a súa intención de darlle difusión á historia do “Manuel” en diferentes encontros de embarcacións tradicionais que se celebran tanto na costa de Galicia como na de Portugal e o Cantábrico. Amosáronse “moi satisfeitos” porque o proxecto “rematouse con moito éxito”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, exerceu onte de madriña do “Novo Manuel” na botadura do emblemático bote no peirao de Cesantes. Trátase dunha “réplica exacta” do histórico bote “Manuel”, que abastecía de víveres á illa de San Simón e salvou a centos de xudeus que chegaban á ría de Vigo na II Guerra Mundial. Rivas salientou que con este acto “poñemos en valor a Memoria Democrática e devolvemos á ría este bote, todo un símbolo de solidariedade e humanidade na historia de Redondela”. Para a alcaldesa é importante que o “Novo Manuel” sirva para que a mocidade coñeza “os horrores do pasado” e que non se volvan repetir. A embarcación orixinal, o “Manuel”, foi totalmente restaurada e preside a entrada do museo Meirande.

Tanto a restauración do bote orixinal como a construción da réplica realizáronse nos Obradoiros de Emprego de Carpintería de Ribeira do Concello de Redondela entre 2024 e 2025. Alumnas e alumnos destes talleres asistiron á botadura e recibiron os parabéns da alcaldesa e o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, “polo gran traballo realizado”. A directora dos Obradoiros, Imelda Barrio, explicou que o “Novo Manuel” superou todas as inspeccións técnicas de Capitanía Marítima e xa está listo para navegar.

Faustino Otero, herdeiro do bote que mandou construír seu avó hai case un século, amosouse “moi feliz” ao ver o “Novo Manuel” no mar. Aos seus 74 anos, esta tarde volveu coller os remos da embarcación na enseada, xunto aos membros da Asociación Lagoa dos Bébedos, que impulsou o proxecto. O colectivo, que xestionará o novo bote, trasladou a súa intención de darlle difusión á historia do “Manuel”en diferentes encontros de embarcacións tradicionais que se celebran tanto na costa de Galicia como na de Portugal e o Cantábrico. Amosáronse “moi satisfeitos” porque o proxecto “rematouse con moito éxito”.

Compartir