Unha mañá solleira permitiu ao público gozar dunha espléndida xornada dos Maios en Redondela. A Alameda Castelao estivo ateigada para celebrar por todo o alto esta tradicional festividade na vila.
Un total de 23 maios participaron na edición deste ano, o que pon de manifesto o pulo que desde o Concello de Redondela se está a dar a esta arraigada celebración.
Conos e cruceiros, enmarcados na categoría de maio tradicional, compartiron espazo con estruturas orixinais e variadas na categoría de maio artístico, onde os asistentes puideron ver o redeiras, o miliario de Vilar, o viaduto, carros de bois, paxaros do paraíso e ata Minions.
A concelleira de Cultura, Rita Pérez, mostrou o seu agradecemento a todos os participantes “que con tanta ilusión e traballo preparan estes maios, nos que participan veciños e veciñas de todas as idades, nunha festa que é tradición e cultura de Redondela”. A cantidade e calidade dos maios presentados é unha garantía “de que esta tradición está máis viva ca nunca, con moita participación das novas xeracións, e iso é unha garantía para o futuro”, sinalaba a alcaldesa, Digna Rivas. A rexedora pediu aos participantes que para o próximo ano sexan “aínda máis”.
O obxectivo do Concello, que este ano duplicou as cantidade económica coa que se subvenciona aos maios participantes, é poñer en valor esta fermosa tradición. Tamén se entregaron unha ducia de premios aos mellores maios, 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional e Premio ao maio artístico. O primeiro premio está dotado con 300 euros, o segundo de 250 euros e o terceiro premio con 200 euros. O xurado, integrado pola mestra Ana Area, o filólogo Xosé Couñago e o presidente do Obradoiro de Estudos Redondeláns, José Antonio Martínez, tiveron a difícil labor de escoller aos galardoados nesta edición.
Premios Maio Tradicional
1º Premio: Case non chegamos (A. VV. O Eixo de Soutoxuste)
2º Premio: Amigos do Carballo
3º Premio: As florciñas
Premios Maio Artístico
1º Premio: As esquecidas (Asoc. Mulleres Arela)
2º Premio: O marco que nos une (ANPA Porto Cabeiro)
3º Premio: Cruzado a vila (ANPA de Cedeira)
Premios Coplas
1º Premio: Case non chegamos (A. VV. O Eixo de Soutoxuste)
2º Premio: O cono dos meniños (Asoc. Mulleres Arela)
3º Premio: O maio da raíña (ANPA Cedeira)
Premios Interpretación
1º Premio: A Ramallada
2º Premio: O cono do amor (A.C.R. Quintela)
3º Premio: O carballo das cen pólas (Asoc. O Carballo das Cen Pólas)