– A empresa Transformaciones Globales S.L. dispón dunha autorización da Autoridade Portuaria de Vigo para o almacenamento de colectores en Rande, pero tamén debe contar coas licenzas e permisos correspondentes do Concello de Redondela.
– Os servizos técnicos municipais de Urbanismo detectaron deficiencias na solicitude da empresa, polo que se lle realizou un requirimento para a súa subsanación. Este requirimento impide o exercicio da actividade e a execución de obras ata que se corrixan as deficiencias e se axuste plenamente á normativa aplicable.
A empresa Transformaciones Globales S.L. presentou no Concello a pasada semana unha comunicación previa para o inicio dunha actividade de almacén de colectores na zona do Peirao de Pedra, en Rande. Aínda que a empresa dispón dunha autorización da Autoridade Portuaria de Vigo, dita autorización non exime á empresa da obtención das licenzas e permisos municipais correspondentes. Tras o exame da documentación presentada, os servizos técnicos municipais de Urbanismo detectaron deficiencias na mesma, polo que se realizou un requirimento á empresa para a súa subsanación. Este requirimento, conforme á lexislación vixente, impide o exercicio da actividade e a execución de obras ata que se corrixan as deficiencias e se axuste plenamente á normativa aplicable.
A alcaldesa, Digna Rivas, subliña que o Concello “velará en todo momento polo cumprimento da legalidade urbanística e das normas que regulan o exercicio da actividade”. A rexedora advirte que, se fose necesario, adoptaranse “todas as medidas oportunas para garantir que a actividade se axusta á legalidade e respecto á normativa vixente, incluída a súa suspensión en caso de incumprimento”. O departamento de Urbanismo lembra que a empresa “ten a obriga de axustarse ás normas e contar coas autorizacións municipais pertinentes antes de iniciar calquera actividade, mesmo cando existan permisos doutros organismos”. “Garantir o respecto ao ordenamento urbanístico e ao interese xeral dos veciños e veciñas de Redondela é unha prioridade para este goberno local”, conclúe a alcaldesa.