– A IV Xornada Cantábrica contou con varias mesas redondas nas que participaron expertos do sector, investigadores e empresarios. Entre os asuntos a tratar estiveronas interaccións da pesca con especies protexidas, a trazabilidade dos produtos do mar e a comercialización dos produtos pesqueiros.
– A alcaldesa, Digna Rivas, puxo en valor o traballo das mulleres e homes de Redondela que pescan e mariscan na enseada de San Simón, e a preocupación que existe no sector e no Concello porque as capturas descenden ano tras ano polo cambio climático.
A illa de San Simón acolle ao longo de toda a xornada de hoxe a IV Xornada Cantábrica organizada pola Asociación de Organizacións de Produtores de Pesca do Cantábrico (OPPs Cantábrico). A alcaldesa, Digna Rivas, inaugurou esta mañá a xornada xunto ao Director Xeral de Pesca Sostible do Ministerio, Ramón de la Figuera, e o presidente de OPPs Cantábrico, Norberto Emazabel.
Rivas puxo en valor o gran traballo dos profesionais do mar en Redondela, “homes e mulleres que pescan nestas augas, que mariscan, e tamén os que traballan na lonxa e nos mercados”. A alcaldesa advertiu tamén que existe “unha gran preocupación no sector e tamén no Concello porque as capturas descenden ano tras ano”. A pesca e o marisqueo tradicional da enseada de San Simón vense ameazadas polo cambio climático. O quecemento global, os episodios de seca e as choivas torrenciais provocan cambios na temperatura e salinidade da auga. “Isto é unha grave ameaza para o delicado ecosistema da nosa enseada, e tamén para o medio de vida de centos de familias que dependen dela”, afirma a alcaldesa. Rivas fixo un chamamento “ao compromiso de toda a sociedade, do propio sector e das administracións para frear o cambio climático”.
A IV Xornada Cantábrica, que rematará esta tarde, contará con varias mesas redondas nas que participarán expertos do sector, investigadores e empresarios. Entre os asuntos a tratar están as interaccións da pesca con especies protexidas, a trazabilidade dos produtos do mar ou a comercialización dos produtos pesqueiros, entre outros temas.