Concello de Redondela

A mostra “Afonso X e Galicia” xa pode visitarse no Multiúsos da Xunqueira

“Afonso X e Galicia” é o título da exposición que pode visitarse este mes no Multiúsos da Xunqueira. A mostra forma parte das actividades deseñadas polo Consello da Cultura Galega para conmemorar o 800 aniversario do nacemento do monarca, e busca pór de manifesto a súa relación con Galicia. O redondelán Alejo Amoedo, membro do Consello da Cultura Galega, foi o encargado de presentar esta mostra xunto coa alcaldesa, Digna Rivas, nun acto no que participou tamén a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas.

Amoedo puxo de manifesto a relación de Afonso X con Redondela, a través das súas famosas cantigas, na liña das do trobador redondelán Mendiño. Rivas animou á veciñanza a achegarse a esta interesante mostra, e avanzou que xa se convidou aos centros de ensino do municipio para que organicen visitas co alumnado.

A exposición divídese en cinco bloques. O primeiro profunda na dimensión humana de Alfonso X; o segundo ofrece unha visión relacionada cos seus conflitos persoais; no terceiro recréase o seu obradoiro, onde os manuscritos e as miniaturas cobran protagonismo. O cuarto espazo está dedicado á música e o último espazo ilustra a través de gráficos a sociedade medieval.

A mostra compleméntase con códigos QR que remiten a espazos web nos que se poderá gozar de textos recitados, música e información adicional. Este contido «online» permite mellorar e ampliar a exposición.

Desde a súa estrea, e 2021, esta mostra percorreu máis de 20 cidades a nivel nacional e internacional, entre elas Barcelona, Roma, Bratislava, Croacia, así como numerosas urbes de Portugal e Brasil, ademais de numerosas localidades galegas. Grazas ao convenio de colaboración entre o Concello de Redondela e o Consello da Cultura Galega agora pode visitarse tamén no Multiúsos da Xunqueira ata o 30 de abril.

Compartir