– O II Ciclo Infantil Interparroquial “Queremos galego” prolóngase ata o 4 de xaneiro en diferentes localizacións do municipio. Entre os artistas participantes están Ártika Teatro, Pakolas, Peter Punk e Os Bolechas, entre outros.
– A programación de Nadal do Concello de Redondela conta tamén coas Festas de pre Fin de Ano Infantís en Redondela e Chapela, ademais das tradicionais Cabalgatas e as Rondallas e Ranchos de Reis.
A programación de Nadal do Concello de Redondela continúa ata o 6 de xaneiro con actividades na vila e as parroquias, como o II Ciclo Infantil “Queremos galego”. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que se trata de actividades musicais e teatrais en galego para o público infantil e familiar. Desde o Concello o obxectivo é “achegar ás parroquias actividades culturais de calidade e en galego ao longo das vacacións escolares de Nadal”. As actuacións de Brais das Hortas, o espectáculo do Apalpador e o musical “A Bailar”, en Vilar de Infesta, Cesantes e Chapela, respectivamente, foron todo un éxito. A programación chegará esta tarde a San Estevo de Negros co espectáculo “A xogar cos trasnos do Nadal”, ás 18.00 horas no Centro Cultural da parroquia. O domingo 29 de decembro a cita é en Redondela, no auditorio da Xunqueira, con Ártika Cía e o seu teatro musical “Pum, pum, quen hai? Ás 18.00 horas. No Centro Cultural de Reboreda o espectáculo será “Os Ourizos, o musical”, o día 30 de decembro ás 18.00 horas. Xa no novo ano 2025 o II Ciclo Infantil Interparroquial continuará na Sociedade Cultural do Viso o 2 de xaneiro co coñecido artista musical Pakolas e o seu espectáculo “As máis molonas”. Será ás 18.00 horas. O 3 de xaneiro o protagonista será Peter Punk, que estará no Centro Cultural de Cedeira ás 18.30 co espectáculo cómico e musical “Chungo que te cagas”. A programación deste ciclo rematará o 4 de xaneiro cunha das familias máis coñecidas de Galicia, “Os Bolechas” que estarán o auditorio da Xunqueira ás 18.30 co espectáculo “Cantares de Reis”.
Festas Pre Fin de ano infantís en Redondela e Chapela
Redondela despide o ano por anticipado e por partida dobre con dúas festas para o público infantil e familiar. A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o día 31 de decembro, dunha Festa Infantil con Paco Nogueiras. O creador de espectáculos como “Brinca Vai”, ou “Radio Bule Bule” estará en Redondela co seu último traballo “Son Animal” para despedir o ano con moito ritmo. Será ás 11.30 e en caso de choiva a festa desprazarase ao Multiúsos da Xunqueira. En Chapela a Festa Pre Fin de Ano infantil será na Alameda Rosalía de Castro tamén o 31 de decembro. A Disco Móbil de Nadal porá a bailar a todos con divertidos xogos musicais. Será ás 12.00 horas, en caso de choiva a actividade realizarase no Multiúsos de Chapela.
As cabalgatas de Reis celebraranse como é habitual en Redondela e Chapela o día 5 de xaneiro, e o día 6 a vila vivirá un dos días máis grandes do ano coas tradicionais Rondallas e os Ranchos de Reis.