Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A rapazada dos campamentos de Conciliación aprende Primeiros Auxilios

– Uns 300 nenos e nenas recibiron o curso con nocións básicas de Primeiros Auxilios. Coñecer o número de teléfono 112, as técnicas a utilizar ante un caso de afogamento ou facer unha reanimación cardiopulmonar son algunhas das cuestións que están a aprender.
– A alcaldesa, Digna Rivas salientou a importancia da dar esta formación aos máis pequenos “porque en calquera momento con saber algo tan básico como o número de emerxencias poden salvar unha vida”.

Os nenos e nenas que participan nos campamentos de Conciliación de Verán do Concello de Redondela están a recibir sesións de primeiros auxilios. Trátase dun curso con nocións básicas para que poidan actuar en caso de emerxencia. Coñecer o número de teléfono 112, técnicas a utilizar ante un caso de afogamento ou facer unha reanimación cardiopulmonar son algunhas das cuestións que están a aprender. Uns 300 nenos e nenas dos diferentes campamentos municipais xa recibiron esta formación da man da concelleira de Infancia, Pilar Martínez, médico de profesión, e do grupo de Voluntariado do Concello de Redondela. Desde unha idade temperá a rapazada pode aprender primeiros auxilios básicos “e os primeiros minutos son cruciais en caso de emerxencia”, sinala Martínez. A alcaldesa, Digna Rivas, visitou esta mañá o curso que se impartiu no campamento do CEIP Alexandre Bóveda, xunto coa concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Iria Vilaboa. A rexedora salientou a importancia da dar esta formación aos máis pequenos “porque en calquera momento con saber unha cuestión tan básica como o número de emerxencias 112 poden salvar unha vida”.

Entre os meses de xullo e agosto son preto de 500 nenos e nenas os que participan no Programa Municipal de Conciliación para o Verán en diferentes quendas. Rivas amosouse moi satisfeita coa excelente acollida que ten cada ano esta actividade “que favorece a conciliación familiar e laboral da veciñanza, ao tempo que permite a nenos e nenas participar en actividades lúdicas e tamén formativas, como estes cursos de primeiros auxilios”.

Os campamentos, para a rapazada de 3 a 12 anos de idade, realízanse no CEIP Porto Cabeiro, CEIP de Cedeira, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Quintela, SLC de Reboreda e no Conservatorio Municipal de Redondela. Deste xeito o Concello “aposta por achegar os servizos a toda a veciñanza, tanto na vila como nas parroquias, para facilitar o acceso aos campamentos e reducir os desprazamentos das familias”, explica a concelleira Iria Vilaboa.

Compartir