Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A veciñanza fórmase para un uso seguro de internet e as redes sociais

– O auditorio da Xunqueira acolleu onte unha charla sobre TIC’s Seguras a cargo de Javier Cancelas, experto en ciberseguridade e protección de datos.

– Os participantes recibiron información para navegar por internet “con confianza e seguridade” e ferramentas para detectar e evitar posibles fraudes e delitos como o sexting ou ciberbullying.

As novas tecnoloxías forman parte do noso día e día, son necesarias para moitas xestións e supoñen tamén unha ferramenta para a información e o ocio da cidadanía. Na era dixital, onde case todo se realiza en liña, desde as comunicacións até as transaccións bancarias, garantir a nosa seguridade en Internet converteuse nunha necesidade. Existen a día de hoxe moitas condutas asociadas ao mal uso das novas tecnoloxías. Fenómenos como o sexting, ciberbullying, as ciberestafas ou os delitos de violencia de xénero dixital ou contra a honra e a intimidade, teñen un protagonismo cada vez maior. Para un manexo seguro das ferramentas dixitais é preciso coñecer o seu funcionamento e ter a capacidade de detectar este tipo de delitos.

Sobre todos estes asuntos falou Javier Cancelas, experto en ciberseguridade e protección de datos. Na charla, organizada pola concellería de Servizos Sociais, participaron máis de 60 persoas. Cancelas explicou aos participantes como protexer a súa privacidade e previr delitos como o acoso, as coaccións, estafas no uso das tarxetas de crédito ou a suplantación da identidade. Tamén deu a coñecer ferramentas como o Canal Prioritario (www.aepd.es/canalprioritario), para eliminar contido comprometido das redes no caso de que a persoa sexa chantaxeada ou ameazada. Existen tamén recursos como o teléfono de axuda fronte ao acoso escolar, 900 018 018 que é gratuíto.

A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, explica que o obxectivo de charlas como esta é que calquera persoa poida navegar por por internet “con confianza e seguridade” e que faga uso das novas tecnoloxías “sendo coñecedora de cuestións tan importantes como a privacidade online”.

Compartir