Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Bases reguladoras e convocatoria da subvención para a concesión do premio IV premio Sesé Mateo de xornalismo ético no tratamento da violencia machista

As presentes bases e convocatoria teñen por obxecto establecer os criterios e o procedemento para a concesión do premio de xornalismo ético no tratamento e comunicación da violencia de xénero e vicaria, consistentes nunha compensación en metálico para a persoa gañadora.

Este galardón pretende premiar a aqueles ou aquelas profesionais do xornalismo que, ademais de informar, o saiban facer con ética, fuxindo do sensacionalismo e tendo coidado coa intimidade das vítimas e das persoas superviventes máis vulnerables. Tamén daquelas persoas que, con valentía, atendan a esta secuela do patriarcado e do machismo como se merece: sinalando a súa profunda raíz e alentando a toda a sociedade a arrincala de vez.

Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa exparella, nun crime que deixou, ademais, sen fogar á súa familia durante meses.

A loita do Grupo de Apoio á Familia Mateo (colectivo creado polas súas amizades que organizou actividades para a recadación de fondos para a rehabilitación da súa vivenda) e, posteriormente, doutro grupo de mulleres activistas culturais que colaboraron co seu fillo, Joshua Alonso Mateo, na edición do libro póstumo dos seus poemas No camiño do vento, fixo que este crime machista non fose un mero número máis, senón que movese algúns marcos sociais inxustos e indecentes. O seu proxecto No camiño do vento xerou fondos económicos que foron integramente doados ao Fondo de Becas para as orfas e orfos de violencia machista da Fundación Mujeres. Coa creación deste premio queremos seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación. Entendemos que estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra a violencia sexan clave na prevención a través da sensibilización.

A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia. Así consta no estudo asinado pola xornalista Belén Puñal Rama que aparece ao final do libro No camiño do vento. Queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e as súas crianzas en particular.

Compartir