– A concellería de Novas Tecnoloxías pon en marcha actividades para a rapazada de entre 9 e 17 anos durante o mes de agosto. Nos campamentos dixitais faranse grupos por idades e os participantes aprenderán a manexar drons, equipos de robótica, impresoras e escáner 3D, lentes de realidade virtual e placas de programación, entre outros equipamentos.
O mes de agosto comeza con actividades para a rapazada que os mergullarán no mundo das novas tecnoloxías. Os participantes, ademais de utilizar computadores e tabletas, tamén aprenderán a empregar impresoras 3D e escáner 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual, placas de comunicación e programación tipo Arduino e Raspberry, webcam e panel croma, entre outros materiais.
Trátase de campamentos dixitais dunha semana de duración con tres quendas, unha para grupo de idade. O primeiro grupo, do 1 ao 8 de agosto, está dirixido a nenos e nenas de 9 a 11 anos. O horario das actividades é de 9:00 a 14:00 horas. A segunda quenda, para a rapazada de 12 e 13 anos, será do 11 ao 19 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O último grupo, do 20 ao 29 de agosto, é para mozos e mozas de 14 a 17 anos. Será en horario de 10:00 a 14:00 horas.
A actividade é gratuíta, con 12 prazas dispoñibles en cada grupo que se adxudicarán por orde de inscrición, priorizando en todos os casos aos menores empadroados en Redondela. A matrícula debe realizarse por rexistro, tanto de xeito presencial no Concello ou na sede electrónica (https://redondela.sedelectronica.gal/). A inscrición está aberta ata o 30 de xullo.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, sinala que se trata dunha oportunidade “excelente” para que a mocidade entre en contactos “con equipamento de última tecnoloxía cunha ampla formación teórica e práctica”.
Os campamentos dixitais realizaranse na aula Cemit de Redondela. A actividade está financiada polo Ministerio de Juventud e Infancia a través dos fondos da Unión Europea.