Clubs de lectura nas Bibliotecas Municipais de Redondela: inscrición
As persoas interesadas en participar, podedes facer xa a vosa inscrición.
Que non sabedes que é un club de lectura ou nunca participastes en ningún?
Un club de lectura é unha xuntanza periódica onde un grupo de persoas comentan diferentes libros, obras que previamente cada un deles leu de xeito individual.
Nos nosos clubs (un na biblioteca de Redondela e outro na biblioteca de Chapela) as reunións son mensuais, e lemos un libro diferente de cada vez, procurando que as propostas lectoras sexan diversas e variadas.
A conversa varía dunha sesión a outra, pois xira arredor de aspectos moi variados: o estilo literario, a temática da obra, o pensamento do autor ou autora, amén das impresións persoais ou das emocións que o texto evoca nos lectores… todo ten cabida nas parolas dos clubs.
Este encontro e posta en común resulta moi enriquecedor, pois favorece que os participantes amplíen os seus puntos de vista, perciban detalles que se lles pasaran por alto, ou enfoquen os textos dun xeito diferente. Na conversa todos se enriquecen de todos.
As persoas participantes teñen que ter cumpridos os 18 anos, ter o carné de socias das Bibliotecas Municipais de Redondela, ou ben de calquera outra biblioteca da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e inscribirse previamente nun dos clubs. En calquera caso, o carné das bibliotecas pode facerse no mesmo momento da inscrición.
Participar é de balde, e as bibliotecas, ademáis, proporcionamos os libros para cada sesión.
As xuntanzas:
Desenvolveranse desde o mes de outubro de 2023 ata xuño de 2024.
– Na Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela ➡ o terceiro VENRES de cada mes (*).
Paseo da Xunqueira, S.N., Edificio Multiúsos, 1º andar. Redondela.
986-401-561
bibliotecaredondela@redondela.gal
– Na Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela ➡ o terceiro LUNS de cada mes (*).
R/ Piñeiral, nº22, Edificio Multiúsos, 1º andar. Chapela (Redondela).
986-454-226
bibliotecachapela@redondela.gal
(*) No caso de coincidir con festivos ou pontes, as datas modificaranse. Podedes consultar as datas no noso calendario de actividades.
Coordina os dous clubs Jerónimo Pomares.
No mes de setembro, o venres 22 ás 20:00 h., teremos unha actividade inaugural do curso para os membros dos clubs que desexen participar:
– Lettering: debuxar Letras
impartido por Alba Farto
Contido: realizar as formas básicas das letras minúsculas e maiúsculas, debuxar as letras. Sentar as bases para seguir practicando na casa e acabar debuxando con soltura e creando letras propias. Introducir a teoría da cor. Compoñer formas ornamentais a partir de formas xeométricas e orgánicas.
As persoas que desexen participar deben inscribirse na Biblioteca Municipal de Redondela (986 40 15 61)
A actividade é de balde e as prazas son limitadas.