Concello de Redondela

Busca
Pechar esta caixa de busca.
Busca
Pechar esta caixa de busca.

A Aula de Teatro Municipal pon en escena “A escaleira” e “A disparatada historia do teatro”

A estrea será o domingo 5 de maio, ás 12.30 coa obra do grupo xuvenil “A disparatada historia do teatro” e ás 19.30 coa peza do grupo de adultos “A escaleira. A concelleira de Cultura, Rita Pérez, e o mestre da Aula de Teatro Municipal, Roberto Casal, animan á veciñanza a asistir a estas estreas e a participar nas actividades de teatro en próximos cursos.

A próxima fin de semana a Aula de Teatro Municipal pon en escena as obras nas que estiveron traballando ao longo do curso. Será o domingo, 5 de maio, no auditorio da Xunqueira. O grupo xuvenil, con rapazada de entre 11 e 16 anos, representará “A disparatada historia do teatro”, unha obra orixinal e divertida na que repasarán a historia da dramaturxia desde o comezo da humanidade ata os nosos días. O seu mestre, Roberto Casal, explica que contarán dun xeito “moi didáctico” a historia do teatro, poñendo en escena o que levan aprendido ao longo do curso “con exercicios e nos ensaios”. A obra “é froito do traballo de todo o grupo, ao longo do curso van achegando ideas, falamos, dámoslle forma entre todos e logo eu encárgome da dramaturxia”, sinala Casal. A obra do grupo xuvenil poderá verse ás 12.30 horas.

No caso do grupo de adultos, con 14 compoñentes que van desde os 23 ata máis de 60 anos, a obra que representarán titúlase “A escaleira”. Trátase dun traballo orixinal creado tamén polo propio grupo da aula de teatro no que reivindican “a necesidade de declararnos vulnerables”. A mensaxe desa obra quere “identificarse co espectador” a través de diferentes escenas nas que actrices e actores rachan cos estereotipos. Roberto Casal explica que esta reflexión nace como resposta á idea xeneralizada durante a pandemia da Covid “de que temos que resistir, ser fortes e aguantar”. Nesta ocasión o obxectivo é “reivindicar o teatro como un espazo onde amosarnos vulnerables para poder evolucionar”, afirma Casal. “A escaleira” poderá verse ás 19.30 horas.

Desde a concellería de Cultura, a edil Rita Pérez, anima á veciñanza á achegarse ao auditorio para gozar destas pezas teatrais. A concelleira convida tamén á rapazada, adolescentes e adultos a participar nas aulas de teatro, especialmente aos mozos e homes adultos “xa que o alumnado destas aulas é maioritariamente feminino”. O grupo xuvenil está composto por 5 rapazas e 1 rapaz, e no de adultos son 11 mulleres e 3 homes. Para Casal a escasa presenza masculina débese “a que aos homes cústalles máis traballar o seu lado emocional, porque non estamos educados para expoñer os nosos sentimentos”. O mestre confía en que “pouco a pouco” este rol vaia cambiando e anima aos mozos a apostar pola aulas de teatro “unha actividade diferente que lles pode ofrecer moitos beneficios”.

 

Compartir