Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello de Redondela leva 200 nenos e nenas dos colexios a participar nunhas xornadas de educación ambiental en Cesantes

Ao longo desta semana, en diferentes quendas, un total de 200 alumnos e alumnas de 5º de primaria de todos os centros de ensino público de Redondela participan nunhas xornadas organizadas pola concellería de Medio Ambiente. En grupos de 50 nenos e nenas, e da man da empresa de educación ambiental Alecrín, o departamento que dirixe Pilar Martínez organiza saídas didácticas á praia da Punta, en Cesantes. Nestas xornadas, en horario de mañá, o alumnado pode coñecer de primeira man a biodiversidade do areal e da enseada de San Simón. Trátase dunha zona de especial protección, catalogada dentro da Rede Natura 2000, e que conta cunha gran riqueza de flora e fauna. “Un grupo de biólogos explícalle aos nenos e nenas toda a riqueza ambiental que ten a zona, cal é a súa situación actual e a necesidade de respectar e coidar este espazo natural”.

Os propios rapaces e rapazas son os protagonistas da actividade, xa que tamén participan activamente nunha recollida de plásticos no areal “coa que poden constatar eles mesmos todo o lixo que chega ao mar e as praias”. Co obxectivo de fomentar tamén entre os máis novos a importancia dunha alimentación saudable, para repor forzas desde o Concello convidan aos participantes a unha merenda saudable a base de froita de temporada.

Nesta actividade de educación ambiental, que comezou o luns e que rematará o venres día 19, participan tamén persoas do grupo de voluntariado municipal do Concello de Redondela.

Compartir