– O Concello de Redondela entregará 200 composteiros en vivendas unifamiliares. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, presentaron a campaña. Todas as persoas residentes nunha vivenda illada que conte cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 metros cadrados pode solicitar o seu composteiro doméstico. Poden facelo no Concello, no teléfono 986 400 300 ou solicitalo desde a páxina web do Concello de Redondela.
Os composteiros que se entregarán teñen capacidade para 400 litros e deben situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca. Debe estar en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
O obxectivo da compostaxe doméstica é que a autoxestión da materia orgánica sexa unha práctica habitual nas zonas rurais. “Trátase do xeito máis económico, eficiente e sostible de tratar os residuos orgánicos, xa que non é necesario ningún tipo de transporte nin tratamento posterior nunha planta”, explica Villar. “Isto evita calquera tipo de contaminación ambiental e supón un aforro para as arcas municipais”, engade o edil. A separación dos residuos en orixe non é nada novo, xa que é unha tradición moi asentada no rural galego, co uso dos restos orgánicos para alimento dos animais ou elaboración de compost “só que agora facémolo du xeito máis eficiente, cómodo e hixiénico”, conclúe a alcaldesa.