-Este mes de febreiro púxose en marcha o programa dirixidos a maiores de 55 anos coas actividades “Redondela Vital” e “Redondela en Forma”, unhas clases que teñen moito éxito entre a veciñanz. Ante o incremento da demanda o Concello oferta cada ano máis prazas e fórmanse máis grupos nas diferentes parroquias, superando neste curso os 800 participantes.
– As clases son de balde e impártense en 18 emprazamentos diferentes do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, incide na importancia de que cursos se ofrezan non só nos núcleos urbanos de Redondela e Chapela, senón tamén nas demais parroquias “para que todos os veciños e veciñas poidan acceder a estes servizos sen ter que desprazarse”.
O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, puxo en marcha un ano máis os cursos dirixidos a persoas de máis de 55 anos. Trátase de actividades moi demandadas e que se imparten en todas as parroquias. Baixo o título Redondela Vital impártense clases de memoria para unha mente activa, e no curso Redondela en Forma os participantes practican ximnasia e exercicios de mantemento.
A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que estas actividades antes limitábanse a Redondela e Chapela, e que agora se imparten tamén no resto do termo municipal. A rexedora destaca a importancia de achegar estes cursos a toda a poboación “facilitando que poidan participar deles sen desprazarse da súa parroquia”. A demanda é cada vez maior, “polo que se ampliou o número de prazas con máis grupos para dar resposta a todas as solicitudes”.
A concelleira Iria Vilaboa explica que no curso “Redondela Vital” o obxectivo é previr o deterioro da memoria, polo que os participantes “practican xogos interactivos e diferentes exercicios que lles axudan a reforzar a memoria e a atención, e tamén incrementan a agudeza auditiva e visual, o que redunda nunha mellor calidade de vida”. Nesta actividade hai un total de 16 grupos nos que participan máis de 300 persoas. As clases comezaron esta semana no Multiúsos Redondela, Multiúsos Chapela, A.VV. Soutoxuste, Escola Vella Saxamonde, CC Vilar, CC Quintela, CC Cidadelle, CC Cedeira, CCD Cesantes, CC Ventosela Miñoteira, A.VV. Chapela, ADC Rande, CC Sto Estevo, CC Cabeiro, CC Saramagoso, SLC Reboreda.
No caso dos cursos “Redondela en Forma” a práctica de ximnasia e exercicios de mantemento ten moitos beneficios para os adultos maiores. Este exercicio moderado activa a circulación, mellora o ton muscular, diminúe niveis de tensións e alivia a dor articular. O éxito destas clases está asegurado, con máis alumnado cada ano. Esta semana estreouse o curso 2025 con preto de 500 participantes. A actividade impártese nos pavillóns da Marisma, o González Soto de Chapela, e na Escola Vella Saxamonde, CC Quintela, CC Cedeira, CCR Chapela, SLC Reboreda, CC Ventosela na Miñoteira, CC Saramagoso, CC Cabeiro, CC Sto Estevo, CCD Cesantes e CC Vilar.