– Segundo explica o concelleiro Roberto Villar trátase de obras que se realizaron “para mellorar a seguridade e a mobilidade da veciñanza nestes dous camiños”.
– A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade informa tamén que desde o mércores, día 5, pode haber cortes puntuais do tráfico en varias rúas do casco histórico por traballos de reparación e mantemento.
A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, realizou traballos de mellora en varios camiños municipais. Entre outras melloras fixéronse traballos no Camiño do Subido e o Camiño da Fisga, ambos na parroquia de Chapela. Segundo explica o edil trátase de obras que se realizaron “para mellorar a mobilidade da veciñanza nestes dous camiños”.
No caso do Camiño do Subido, cunha forte pendente, os traballos consistiron en habilitar unha franxa peonil cun novo firme con máis agarre para evitar que os peóns esvaren. A reforma fíxose desde a rúa Estación. Mellorouse así a seguridade dos viandantes neste tramo, que presenta un gran desnivel e que, nos meses de chuvia, supoñía un risco por ser escorregadizo. O concelleiro adiantou tamén que este ano licitaranse as obras noutro tramo do camiño do Subido para o seu asfaltado e a canalización de augas pluviais.
Outro dos traballos foi no camiño da Fisga, un tramo peonil que dá servizo a varias vivendas e que se atopaba en moi mal estado de conservación. Neste caso mellorouse toda a superficie cun novo firme. Villar explica que se trata de obras “menos rechamantes” que outras de máis envergadura que se acometen por parte do Concello, pero sen embargo son “de moita importancia” para os veciños e veciñas que residen e transitan por estes camiños.
Roberto Villar sinala que desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños do municipio, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”.
Camiño do Subido, Chapela
Cortes puntuais de tráfico no casco histórico
Por traballos de mantemento no casco histórico de Redondela, desde o mércores día 5 haberá cortes de tráfico puntuais nas rúas Telmo Bernárdez, Cruceiro, Loureiro, rúa Prata, Cabo dos Fumeiros e Esfarrapada. A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade explica que o mal estado que presenta o firme destas rúas é debido a que soportan máis tráfico do debido “xa que son empregadas por moitos vehículos, e non só os residentes”. Os traballos de reparación e mantemento prolongaranse durante unha semana.