Concello de Redondela

O CAPD de Chapela pecha o mes do libro na Biblioteca Xela Arias

Abril, no Calendario do Libro e a Lectura de Galicia, é o mes por excelencia para festexar esta cousa que tanto nos gusta nas bibliotecas e que tan ben nos fai a todos… Ler!

Este mes de abril fixemos moitas cousas nas bibliotecas, como entregar os Premios aos Mellores Lectores, participar no gran festival da lectura que coorganiza o noso concello, e moitas cousas máis.

A Biblioteca Xela Arias festexa o seu 20 aniversario cos nenos e nenas, coas familias e coas persoas maiores… ata fixemos unha mini-festa de aniversario na Semana Santa! 20 anos facendo moitas cousas, e adicando o noso tempo e o noso corazón a mellorar a vida da nosa comunidade.

Pero non queriamos que rematara este mes sen adicarlle un espazo a un grupo de usuarios que hoxe visitaron por primeira vez a biblioteca, e que tomaron parte desta celebración. Son un pequeno grupo de usuarios e usuarias do C.A.P.D. de Redondela, situado aquí, moi preto, na nosa parroquia.

Con eles gozamos dunha mañá fenomenal, con lecturas, contos e actividades manuais.
Ademáis, levaron un bonito agasallo en forma de semente que agardamos prenda no seu xardín. Unha semente de maceira, que parte da historia dun libro que limos esta mañá sobre esta árbore, e que tamén decoramos na biblioteca.
Porque as mazás literarias, tamén alimentan. E se as sementas… sen dúbida prenderán! 🍎

Quedamos cun bo recordo deste centro e agardamos volver xuntarnos noutras ocasións.
Luis, un dos usuarios, agasallounos cun debuxo precioso, que desde agora decora tamén o mostrador da biblioteca 😊

 

 

Compartir