Infografía do futuro centro sociocultural de Chapela
– Os proxectos presentados polo Concello de Redondela e que acadaron financiamento dos fondos FEDER inclúen un centro Cívico Sociocultural en Chapela, o Museo Etnográfico Ángel Barros, a reforma do Mercado de Redondela, humanizacións nas rúas Prata, Telmo Bernárdez, Padre Sarmiento e rúa do Muro, ademais da transformación da rúa Manuel Rodríguez Casal nun camiño seguro para escolares na contorna do CEIP Laredo.
– O investimento total ascende a 8.288.738 euros, dos que a UE achega o 60%, 4.973.243 euros. A alcaldesa sinala que este é o resultado do traballo “serio e rigoroso” por parte do Concello. “Con estes fondos seguiremos transformando Redondela con proxectos clave para o futuro do municipio que comezaremos a executar en 2026”, afirma Digna Rivas.
O Concello optaba este ano a fondos europeos cun ambicioso proxecto incluído no Plan de Actuación Integrado. A alcaldesa, Digna Rivas, anunciou con gran satisfacción que esta proposta con accións “estratéxicas” para Redondela e Chapela recibiu luz verde e recibirá financiamento dos fondos FEDER. Redondela recibe unha dotación de 4.973.243 de euros, o que supón un 60% do que investirá nas distintas obras, que ascenden a un total de 8.288.738. O 40% restante, 3.315.495 euros serán financiados polo propio Concello. Rivas explicou que o prazo de execución é de entre 2 e 4 anos, “polo que Redondela vivirá unha extraordinaria transformación a curto prazo”.
Entre as actuacións que recibirán fondos europeos está o novo Centro Cívico Sociocultural de Chapela. O edificio crearase no antigo colexio Igrexa e revitalizará este espazo emblemático da parroquia. “Será un novo lugar de encontro e actividades para a veciñanza, con biblioteca e espazos para actividades culturais, sociais e recreativas”, sinala Rivas. Trátase dunha infraestrutura “moi necesaria e demandada en Chapela” aclara a alcaldesa. A obra está orzamentada en 1,6 millóns.
O Plan de Acción Integrado inclúe a creación do Museo Etnográfico Ángel Barros con espazos de exposición, salas e aulas, que acollerá a obra do artista local do que recibe o seu nome. O museo ocupará o lugar da edificación das antigas vivendas dos mestres na avenida Mendiño, e contará cun investimento de 1.167.000 euros.
O acondicionamento do Mercado de Redondela é outros dos proxectos que recibe financiamento, cunha renovación integral do espazo e conservando as súas fachadas orixinais. Entre as accións contempladas inclúese a mellora no confort do edificio con sistemas de climatización, illamento e iluminación eficiente. Todo iso reforzado cun proceso de transformación dixital. O orzamento é de 2,6 millóns de euros.
Humanizacións e eliminación de barreiras arquitectónicas
O plan que recibirá os fondos europeos tamén inclúe obras como a humanización das rúas Prata, Telmo Bernárdez, Padre Sarmiento e rúa do Muro, entre outras. Eliminaranse barreiras arquitectónicas con novas áreas de lecer. Estas transformacións urbanísticas terán un deseño “inclusivo e funcional, que mellora a habitabilidade da contorna urbana tanto para os residentes como para os visitantes”, explica a rexedora. Esta mellora da mobilidade conta cun orzamento de 2,1 millóns.
A actuación contempla tamén transformación da rúa Manuel Rodríguez Casal, en Chapela, para crear “camiños escolares seguros” na contorna do CEIP Laredo. As obras inclúen a mellora ambiental da zona con vexetación autóctona, novo mobiliario urbano e iluminación eficiente. O proxecto conta cun orzamento superior aos 770.000 euros
Traballo “serio e rigoroso” do Concello
A alcaldesa afirma que a aprobación destes fondos é resultado do traballo “serio e rigoroso por parte do Concello, e grazas a este financiamento seguiremos transformando Redondela con proxectos clave que comezaremos a executar en 2026”. Rivas sinala que “unha vez máis” o goberno local saca adiante inversións “fundamentais” para o futuro do municipio.