Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello de Redondela pon en marcha un Obradoiro de Interpretación

Grupo de ensaio dunha actividade anterior

– O Obradoiro de Interpretación comezará en outubro e, ademais de formar ao alumnado nas artes escénicas e a comunicación, servirá tamén para poñer en valor os recursos patrimoniais de Redondela, como a Batalla de Rande ou as Madriñas de San Simón.
– A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, explica que se farán dous grupos distintos, respondendo á idade dos participantes. O primeiro grupo comprende á rapazada de 12 a 16 anos, e o segundo á mocidade e adultos de 17 anos en diante.
– O prazo de inscrición estará aberto desde o 18 de setembro ata o 2 de outubro. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

O Concello de Redondela organiza para o curso 2024/25 un Obradoiro de Interpretación, unha actividade dirixida ao público a partires dos 12 anos de idade. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, explica que este obradoiro, ademais de formar ao alumnado nas artes escénicas e a comunicación, “servirá tamén para poñer en valor os recursos patrimoniais de Redondela”. A edil sinala que “tanto o patrimonio material como inmaterial do municipio estarán moi presente neste obradoiro, dando protagonismo a fitos como a Batalla de Rande ou a figura das Madriñas de San Simón”. Pérez Táboas lembra que noutras ocasións téñense feito traballos para dar a coñecer o patrimonio industrial da vila, “como no caso das traballadoras do téxtil da fábrica de Regojo”. No obradoiro estableceranse dous grupos «un para adolescentes de 13 a 16 anos de idade, e outro para mozos e adultos de 17 anos en diante».

As clases comezarán o próximo día 3 de outubro, e será no Multiusos da Xunqueira os mércores ás 17:00 a 18.30 horas para adultos e de 19.00 a 20.30 horas para adolescentes. Os participantes aprenderán técnicas de interpretación e comunicación co obxectivo de preparar algunha representación sobre as táboas ao longo do ano. A concelleira de Cultura e Turismo anima a toda a veciñanza a inscribirse «xa que tamén mellorarán as súas habilidades sociais e ampliarán o seu coñecemento sobre o patrimonio e a historia do municipio».

A participación nesta actividade ten un custo de 79,50 euros para todo o curso, desde outubro de 2024 ata maio de 2025. O obxectivo do Concello é «ofrecer unha actividade cultural de calidade que sea accesible para toda a veciñanza, xa que o prezo non chega aos 10 euros mensuais», sinala a concelleira Pérez Táboas.

O prazo de inscrición estará aberto desde o 18 de setembro ata o 2 de outubro. Os interesados poderán facelo no rexistro do Concello ou a través da páxina www.redondela.gal. Para máis información poden dirixirse ao enderezo electrónico concello@redondela.gal ou ao teléfono 986 400 300. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

Compartir