A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, acaba de licitar a obra de pavimentación do Camiño das Ánimas, en Chapela, por un importe de 107.279,64 euros. Trátase dunha obra “moi demandada pola veciñanza e que servirá para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nunha zona moi complexa e perigosa polo gran desnivel que presenta”, explica Villar. Este camiño ten moito desnivel e o seu estado é deficiente nalgúns tramos “polo que era un compromiso deste goberno local facer a obra de renovación do firme canto antes”. Os traballos foron adxudicados á empresa Vale S.L. e o prazo de execución é de tres meses, polo que a renovación do camiño estará rematada a comezos de 2025.
Os concelleiro Roberto Villar visitou esta mañá a zona onde van comezar as obras acompañado do edil de Urbanismo, Antonio Cabaleiro. Os traballos consistirán no acondicionamento de todo o pavimento da rúa e a mellora dos sistemas de drenaxe, co que se evitará as escorrentías de auga na época de chuvias. En función das características do trazado, nalgunhas zonas estenderase aglomerado despois do fresado, e unha capa de rodaxe de aglomerado asfáltico en quente de 6 centímetros de espesor, estendido e compactado con medios mecánicos. Noutros tramos onde a pendente é máis pronunciada estenderase unha laxa armada de formigón, despois do fresado, e unha base do pavimento de formigón armado cunha soleira de 12 centímetros de espesor. Deste xeito o firme permitirá un mellor agarre dos vehículos.
Á altura do quilómetro +300 executarase un muro de formigón de quince metros de lonxitude para darlle máis estabilidade ao noiro. A altura deste muro será metade dun metro, e a outra metade de dous metros. Tamén se realizarán as pequenas obras de fábrica e drenaxes para unha mellor conservación do camiño.
Os traballos están incluídos o Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.