Concello de Redondela

O Goberno central protexerá a illa de San Simón como “Lugar da Memoria Democrática”

Foto: A alcaldesa, Digna Rivas, nas Xornadas "A xestión dos lugares de memoria da represión franquista"  celebradas en San Simón xunto a Xosé Manuel Suárez, Montse Fajardo, Manuel Pérez e Cristina Fiaño.
– A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa “gran satisfacción” por este recoñecemento e agradeceu “a gran labor da Iniciativa Galega pola Memoria”, plataforma que solicitara esta declaración ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, petición á que se sumou tamén o Concello de Redondela.
– Este recoñecemento implica un réxime de protección e usos compatibles para a illa, que foi campo de concentración «e un dos lugares da represión franquista máis emblemáticos de Galicia», sinala Rivas. A alcaldesa lembra que o Concello reclamou á Xunta de Galicia a recuperación da Fundación Illa de San Simón “para xestionar os usos deste espazo e velar pola memoria histórica» e aínda non se obtivo resposta.

O Goberno central atendeu a petición dos colectivos memorialistas e do Concello de Redondela para protexer un dos lugares relacionados coa ditadura franquista máis emblemáticos de Galicia: a illa de San Simón, onde houbo un campo de concentración entre 1936 e 1943. A partir do mes de agosto a illa será, xunto co Pazo de Meirás, “Lugar da Memoria Democrática”. Trátase dunha figura incluída na Lei de Memoria Democrática que implica dotar a estes espazos dunha función “conmemorativa, de homenaxe, didáctica e reparadora”, ademais de establecer “un réxime de protección e usos compatibles”.

Desde o Concello de Redondela a alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa “gran satisfacción” por este recoñecemento «a un dos lugares da represión franquista máis emblemáticos de Galicia» e agradeceu “a gran labora da Iniciativa Galega pola Memoria”. Os colectivos memorialistas pediran ao Estado o pasado mes de xullo esta protección para a illa de San Simón “ante a desidia da Xunta de Galicia, que desentende a protección da illa e calquera actividade relacionada coa memoria histórica”. O goberno de Rivas demandou tamén ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática o pasado mes de decembro esta declaración para illa de San Simón, despois de reunirse con representantes da Iniciativa Galega pola Memoria.

O acto oficial de declaración será en agosto, segundo recolle o programa “España en liberdade. 50 anos” que presentou esta semana o presidente Pedro Sánchez. A rexedora local ofreceuse tamén para que o Concello de Redondela, como institución, poida colaborar e participar nos actos que se celebren ao redor deste recoñecemento .

Recuperación da Fundación Illa de San Simón

Rivas lembra que desde o Concello reclamouse á Xunta de Galicia o pasado mes de outubro «a recuperación da Fundación Illa de San Simón para xestionar os usos deste espazo e velar pola memoria histórica». O Concello de Redondela reitera esta petición, da que aínda non obtivo resposta, «e que ten máis sentido ca nunca, unha vez o Goberno Central declarou a illa como Lugar de Memoria Democrática”.

Compartir