Concello de Redondela

O mar e a súa xente, protagonistas do calendario do Concello de Redondela 2025

O Concello dedica os 12 meses do seu novo calendario para 2025 ao mar de Redondela e aos seus traballadores e traballadoras. Imaxes antigas de embarcacións, mariñeiros e mariscadoras son os protagonistas do almanaque elaborado polo Obradoiro de Deseño Gráfico. Trátase de imaxes que se conservan no Arquivo Municipal Audiovisual e que retratan unha época pasada e uns oficios tradicionais que aínda se manteñen hoxe e día neste municipio. Por iso a Confraría de Cesantes foi o lugar escollido para a presentación deste calendario, coa participación da Patroa Maior, Nisi Otero, e unha boa representación das actuais mariscadoras do pósito, entre elas a súa presidenta, Ana Belén Sotelino.

A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, puxeron en valor o traballo no mar de mulleres e homes nun sector primordial para Redondela, que é fonte de riqueza. A pesca artesanal e o marisqueo “son actividades sustentables e respectuosas co medio que herdamos desas xeracións pasadas que vemos nas fotografías do calendario, e que manteñen vivas mulleres coma estas”. Rivas lembrou tamén que foi tamén unha traballadora do mar, Encarna Sotelino, a muller escollida polo Concello de Redondela para recibir o galardón do VI Foro Muller Rural. Desde xeito o goberno redondelán quería homenaxear “a todas esas mulleres que, xeración tras xeración, co seu traballo no mar foron e son o sustento das súas familias”.

O Concello de Redondela repartirá exemplares destes calendarios entre os centros culturais de todas as parroquias, e os veciños que o desexen poderán recoller tamén o seu almanaque na Casa do Concello.

Compartir