Concello de Redondela

O Museo Meirande recibe máis de 1.500 visitantes ao mes

– O mes con máis visitas foi xuño, con 2.812 persoas, en gran parte grupos de colexios e institutos. No verán chegan máis turistas e peregrinos, e tamén familias da contorna. Ao longo de todo o ano son habituais excursións de colectivos veciñais e culturais, centros de día e visitas dos viaxeiros que embarcan no pantalán do Meirande para visitar San Simón.
– A concelleira responsable, Rita Pérez Táboas, explica que os visitantes “valoran moito o entorno no que se atopa o centro, e tamén o xeito en que está distribuída a exposición da que disfruta tanto o público infantil como os adultos”. En canto á conservación das antigas pezas industriais do museo, desde o Concello encargouse un estudo técnico para valorar a súa situación e determinar un tratamento axeitado que evite a corrosión.

Desde o pasado mes de abril e ata a xornada de onte xoves un total de 8.528 persoas visitaron o Centro de Interpretación da Batalla de Rande, o Meirande. As estatísticas deixan unhas cifras que superan os 1.500 visitantes ao mes.

O museo, con entrada gratuíta, depende da concellería de Turismo do Concello de Redondela e resulta todo un descubrimento tanto para o público infantil como para os adultos. A concelleira responsable, Rita Pérez Táboas, explica que os visitantes “valoran moito o entorno no que se atopa o centro, e tamén o xeito en que está distribuída a exposición”. Quen máis desfruta da visita son as crianzas porque hai moitos elementos interactivos que poden tocar, pero tamén os adultos se sorprenden deste espazo. O mes con maior número de afluencia foi xuño, con 2.812 persoas, onde as visitas de centros escolares son numerosas. O mesmo acontece no mes de maio, con 1.716 visitas, onde a maioría corresponden a colexios. Tanto no mes de xullo como en agosto superáronse os 1.300 visitantes, e no que vai de setembro xa son máis de 500 as persoas que pasaron polas instalacións do Meirande. Nos meses de verán moitos dos visitantes son turistas e peregrinos, pero tamén familias de municipios da contorno como Vigo, Pontevedra ou a zona do Morrazo. Ademais son habituais ao longo de todo o ano as visitas de colectivos veciñais e culturais, excursións organizadas por centros de día, e as visitas de persoas que fan a viaxe en barco á illa de San Simón desde o pantalán do Meirande.

Como curiosidade salientar que a publicación de “O albatros negro”, de María Oruña, trouxo moitos visitantes ao Meirande. A novela recolle a historia da Batalla de Rande “e moitos lectores achegáronse ao museo para saber máis desta contenda naval”.

O museo acolle unha exposición permanente e gratuíta sobre os tesouros arqueolóxicos e culturais da Batalla de Rande de 1702, e tamén dá conta doutros fitos do patrimonio histórico e industrial da zona. O Meirande sitúase no seo dunha antiga fábrica de salgadura de peixe coñecida como «a fábrica do alemán», de 1836. As instalacións conservan parte da antiga maquinaria da fábrica. Pérez Táboas explica que a conservación destas pezas industriais metálicas é complexa, polo que o Concello encargou un estudo técnico para valorar a súa situación e determinar un tratamento axeitado para evitar a corrosión. A concelleira lamenta as críticas do colectivo Alén Nós polo que cualifican e nega a situación de abandono das instalacións. Advirte que, se a asociación se puxese en contacto co Concello, “teriámolos informado das xestións que estamos a realizar para a conservación do patrimonio industrial do Meirande”.

 

Compartir