Concello de Redondela

O pleno dá luz verde á compra de Villa Elisa

– O pleno da corporación aprobou a adquisición do céntrico inmoble cos votos favorables do PSdG-PSOE, BNG e AER. O grupo municipal do PP votou en contra. O acordo plenario permitirá destinar 659.000 euros do remanente de tesourería para a compra. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu o apoio dos nacionalistas par sacar adiante a proposta.

– O obxectivo do goberno local é trasladar a Villa Elisa a Biblioteca Municipal, salas de estudo e outros servizos municipais, ademais de habilitar nos seus xardíns un espazo verde de uso público. Deste xeito transformarase unha ampla zona par uso público na rúa Ernestina Otero, onde tamén se renovará a coñecida como“praza da Petanca”.

O pleno da corporación aprobou na sesión celebrada esta semana a adquisición de Villa Elisa, un inmoble de comezos do século XX situado na céntrica rúa Ernestina Otero. O acordou saíu adiante cos votos do PSdG-PSOE, BNG e AER, malia os votos en contra do PP, e permitirá destinar 659.000 euros do remanente de tesourería para a compra. A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu “a altura de miras do BNG, que pensou no ben común” e recoñeceu que o seu apoio foi “clave” para facer realidade este proxecto. A rexedora salienta que esta compra é algo beneficioso para toda a cidadanía: “trátase da compra dun inmoble de gran valor patrimonial no centro da vila que será de uso público, cun fin cultural e social”. A adquisición de Villa Elisa permite tamén “gañar un espazo verde anexo, aberto ao público, que será un lugar de convivencia, lecer e tranquilidade no corazón da vila”, explica a alcaldesa. A parcela ten uns 3.500 m2, cunha superficie construída de máis de 700 m2. Rivas amosouse moi satisfeita con este “investimento estratéxico” para Redondela, que garante un servizo aos cidadáns e preserva o patrimonio de Redondela. “Non podiamos deixar escapar esta oportunidade, tendo en conta que o Concello ten capacidade económica Concello para adquirir o edificio”, apunta a alcaldesa. Roberto Villar, concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, fixo fincapé no apoio social da proposta “que conta co respaldo maioritario da veciñanza”.

O goberno local lamentou a negativa do grupo popular a unha proposta que é “moi positiva para o conxunto da cidadanía”.

A adquisición de Villa Elisa vai permitir transformar un gran espazo no centro da vila, na avenida Ernestina Otero, onde o Concello ten en marcha xa a renovación da coñecida como “praza da Petanca”. Este espazo de 2.300 m2 acollerá unha nova área cultural e de lecer cunha praza renovada, auditorio ao aire libre e un ascensor que conectará coa parte alta da rúa Subida á Estación. Estas obras realizaranse a través do Plan Extra da Deputación. O edificio “Granxa da Lima”, adquirido por Zona Franca, acollerá un viveiro de empresas.

Compartir