– A alcaldesa suliña que os resultados do programa “case duplican o obxectivo marcado”, que buscaba un 45% de inserción laboral. Os participantes, un total de 53 mulleres e 47 homes, presentaban un perfil moi variado tanto en rango de idades como de nivel formativo. Durante os 12 meses que dura o programa os participantes recibiron formación teórica e práctica adaptada ás súas características.
Das 100 persoas que participaron no Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela no curso 2025-2025, un total de 85 acadaron un emprego. Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, esta elevada cifra de integración laboral é “un gran éxito”. O programa, que comezou en outubro de 2024, remata hoxe, 30 de setembro, e faino cunhas cifras “inmellorables”. Os resultados superan, con moito, o obxectivo marcado ao inicio do programa, que buscaba acadar o 45% de inserción laboral dos participantes.
Os participantes, un total de 53 mulleres e 47 homes, presentaban un perfil moi variado: tanto mozo e mozas con baixa cualificación como outros que si tiñan formación previa, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, ou persoas en risco de exclusión social.
As persoas recibiron no programa unha formación integral e variada, tanto teórica como práctica, cun total de 985 horas de formación. Ao longo recibiron orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas e outros cursos orientados ao seu perfil. A través dos convenios realizados con empresas da comarca, 30 participantes realizaron prácticas e 21 deles foron contratados nesa mesma empresa.
O programa contou cun orzamento de 246.000 euros, dos que 220.000 foron financiados pola Consellería Comercio e Emprego, e os 36.000 resantes polo Concello de Redondela.
Está previsto que este curso se realice un novo programa. As persoas interesadas en participar na próxima edición poden enviar o seu CV a per@redondela.gal