Concello de Redondela

O programa “Redondela viaxa” arranca cunha excursión a Padrón e Santiago

Tras o éxito de anteriores edicións das viaxes para maiores, o Concello de Redondela segue organizando visitas guiadas. O programa “Redondela viaxa” comezará a finais deste mes con varias quendas. A primeira das excursións será ás localidades de Padrón e Santiago de Compostela, con saídas os días 24, 25, e 26 de marzo. O prazo de inscrición estará aberto desde o luns día 17 ata o venres día 21 no Multiúsos da Xunqueira, en horario de 9.00 a 13.00 horas.

O programa, dependente da concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, ten como obxectivo ofrecer ás persoas maiores “a posibilidade de gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico e patrimonial”, informa a edil.

Despois do éxito das saídas realizadas en edicións anteriores a destinos como Ribadavia, Allariz, Coruña ou o norte de Portugal, nesta primavera retómanse as viaxes. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se farán en varias datas coa intención de que as persoas maiores “poidan socializar e facer actividades ao aire libre, polo que queremos que teña a oportunidade de participar o maior número de persoas posible”. A intención é que as persoas maiores poidan saír, socializar e facer actividades a un prezo accesible para todos e todas. Nos vindeiros meses realizaranse máis visitas guiadas a outras localidades.

Compartir