– O novo punto limpo móbil do Concello de Redondela estará ata o 21 de xullo na parroquia de Chapela. Esta semana está situado no aparcadoiro público da rúa Manuel Rodríguez Casal. A partir do día 15 situarase no estacionamento do pavillón de Chapela.
– O goberno local fai un balance moi positivo do uso que a veciñanza está a dar a este punto limpo, xa que nas dúas semanas que estivo na praza do Concello recolléronse multitude de aparellos eléctricos, material informático, botes de pintura e centos de CD’s, entre outros residuos.
O punto limpo móbil percorrerá todas as parroquias do noso Concello para facilitar á veciñanza a reciclaxe do lixo que non pode depositarse nos colectores comúns. Poden depositarse pequenos electrodomésticos, material informático, pilas e baterías, móbiles ou tabletas, cargadores, xoguetes, aerosois ou botes de pintura, entre outros residuos. Xa está a disposición da veciñanza na parroquia de Chapela, onde permanecerá ata o 21 de xullo. Esta semana esta situado no aparcadoiro público da rúa Manuel Rodríguez Casal, nas proximidades da alameda Rosalía de Castro. A partir do luns día 15 situarase noutro emprazamento da parroquia, no estacionamento do pavillón municipal Manuel González Soto.
O goberno local fai un balance “moi positivo” do uso que a veciñanza está a dar a este punto limpo móbil, xa que nas dúas semanas que estivo na praza do Concello recolléronse multitude de residuos. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que se depositaron “máis de 300 CD’s e DVD’s, dous colectores cheos de material informático, outro de restos de pinturas, e ducias de móbiles e cargadores, etre outros residuos”. O obxectivo deste novo servizo é “facilitar á veciñanza a reciclaxe de diferentes tipos de lixo que non debe de ir aos colectores da rúa”, O edil engade que “é importante separar ben os residuos, polo que en caso de dúbida é mellor consultar nos teléfonos de información”. Trátase dun servizo gratuíto para a veciñanza “pero de grande importancia para ter cada vez unha Redondela máis limpa, polo que é fundamental contar coa colaboración de todos e todas”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
Recollida de residuos voluminosos
Para residuos máis voluminosos como mobles, colchóns ou electrodomésticos, xa existe un servizo de recollida “porta a porta” cun sistema moi sinxelo para os usuarios. Tan só é necesario contactar con Urbaser no teléfono 986 388 111 de luns a sábado en horario de 9 a 14 horas.