Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Os escolares de Redondela aprenden en Igualdade

– O Concello de Redondela, en colaboración coa Asociación Érguete, pon en marcha os programas “Educando en Igualdade”, dirixida ao alumnado de 4º de Primaria, e “Xeración Violeta” para nenos e nenas de Educación Infantil e as familias. Nas actividades participarán máis de 300 nenos e nenas.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que desde o Concello o trabállase na promoción da Igualdade “en todos os eidos e todos os días do ano” e salientou a importancia de sensibilizar aos nenos e nenas “desde as idades máis temperás, porque temos a obriga de construír entre todos unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

O Concello de Redondela, no marco do convenio de colaboración coa Asociación Érguete, pon en marcha dous programas de Igualdade nos centros de ensino do municipio. Trátase das actividades “Educando en Igualdade”, dirixida ao alumnado de 4º de Primaria, e “Xeración Violeta” para nenos e nenas de Educación Infantil con varias sesións didácticas en cada grupo. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa visitaron onte o CEIP de Cedeira, onde comezaron a celebrarse estas charlas. A rexedora sinalou que desde o Concello o trabállase na promoción da Igualdade “en todos os eidos e todos os días do ano”. O obxectivo deste programa é achegar ao alumnado e ás familias “ferramentas de sensibilización e actuación para unha verdadeira relación de igualdade entre nenos e nenas”, sinala Rivas. A rexedora salienta a importancia de traballar en materia de igualdade “desde as idades máis temperás, porque os nenos e nenas son os homes e mulleres do futuro, e temos a obriga de construír entre todos unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Nas sesións de traballo que se realiza nos colexios trázase unha metodoloxía que favorece o traballo cooperativo e un reparto de roles afastados dos estereotipos.

Nestes programas participarán máis de 300 nenos e nenas dos centros de ensino público de Redondela. Onte comezaron as actividades no CEIP de Cedeira, e ao longo do mes de novembro continuarán no CEP Santa Mariña, os CEIP Outeiro das Penas, Reboreda, Quintela, Laredo, Igrexa, Porto Cabeiro, Alexandre Bóveda e as escolas infantís Marisma, Ventosela e San Pedro de Cesantes.

Compartir