– Un grupo de voluntarios de Protección Civil parten esta tarde cara Valencia con máis de 2.000 quilos de axuda. A alcaldesa explica que o envío está a coordinarse cos policías de Redondela desprazados na zona “xa que a situación alí é de colapso e son os nosos axentes os que xestionaron a onde trasladar as doazóns”.
– Rivas agradeceu aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil “o seu traballo e entrega” e tamén “a axuda do pobo redondelán e das empresas Autos González e Autos Brea que unha vez máis son un gran exemplo de solidariedade”.
Un grupo de voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela desprazaranse esta tarde a Valencia para axudar en tarefas de limpeza, seguridade e apoio na zona afectada pola DANA. Nos últimos días recolleron multitude de doazóns no Multiúsos da Xunqueira de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, material de limpeza e roupa que serán trasladados a Valencia. Son máis de 2.000 quilos de axuda os que van trasladar a Valencia nun vehículo de Protección Civil e dous furgóns cedidos por Autos González e Autos Brea.
Esta axuda súmase á que desde o pasado luns prestan na zona cinco Policías Locais de Redondela, e que tamén levaron alimentos e enseres de primeira necesidade que foran doados pola veciñanza. Os axentes a traballar na localidade de Benetússer en tarefas de limpeza e vixilancia grazas a un convenio coa Generalitat Valenciana.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Interior, Rita Pérez Táboas, supervisaron o material que se vai enviar esta tarde a Levante. Rivas explica que o envío está a coordinarse cos policías de Redondela desprazados na zona, “xa que a situación alí é de colapso e son os nosos axentes os que xestionaron a onde trasladar as doazóns”. Rivas explica que desde o Concello non se envíou a axuda ata o de agora “para ter claro a onde podía trasladarse o material e en que condicións”. Rivas agradeceu aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil “o seu traballo e entrega” e tamén “a axuda do pobo redondelán e das empresas Autos González e Autos Brea que unha vez máis son un gran exemplo de solidariedade”.