Concello de Redondela

Redondela conmemora o Día Mundial do Alzhéimer cunha mesa redondela de expertos e familias

O Concello de Redondela conmemora o Día Mundial do Alzhéimer cunha mesa redonda titulada “Voces polo alzhéimer”. Será o luns, 22 de setembro, ás 10.30 horas no auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela. Contará coa presenza de profesionais da xeriatría, medicina, servizos sociais e familias de afectados. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, presentaron esta xornada “que pretende ser unha conmemoración especial para as persoas que sofren esta enfermidade, é dicir, a quen a padece, para as súas familias, e tamén para os profesionais que axudan a sobrelevala”.

Participará Miguel Ángel Vázquez Vázquez, médico especialista en xeriatría, experto en xerontoloxía social, profesor universitario e asesor científico de organismos nacionais e internacionais. Estarán tamén Pedro López Cadilla, director de Servizos Xeriátricos, Carmen Fernández Dopazo, traballadora dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Redondela, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Asociación AFAGA Alzhéimer, e María Delia Lina Dacosta, familiar dunha persoa diagnosticada de demencia.

A esta xornada asistirá alumnado de ciclos de atención á dependencia e familiares, e a asistencia está aberta a todo o público interesado ata completar o aforo. O obxectivo desta “mesa de voces” é dar resposta ás dúbidas das persoas enfermas, das súas familias e profesionais dos coidados. “Por iso organizamos unha mesa redonda aberta, onde o público será protagonista e terá oportunidade de trasladarlle aos expertos todas as súas consultas”, conclúe Vilaboa.

Compartir